O proxecto SUMAR, que encabeza Yolanda Díaz, vaise concretando para ben ou para mal, vagaroso ou lixeiro, segundo quen o conte á volta da feira, mais antes de nacer xa tivo detractores e partidarios, todos “entusiastas”.

Os detractores máis rotundos situáronse nas dereitas: na extrema e nas outras. E os detractores máis cautelosos ou sinuosos agromaron en instancias das esquerdas: naquelas máis tentadas de sectarismo, seguramente por mor de competencia electoral no mesmo caladoiro de votos.

Armar “un proxecto de país cun novo contrato social” non será posible se non se propón reformar a Constitución.

Entre os partidarios, hai uns máis vehementes e incondicionais, propensos a esa adhesión acrítica, que apoian máis que achegan; outros máis cautos e receosos, marcados polo escepticismo, e os que, escépticos ou non, cren que non queda outra e decídense a cooperar con achegas e coa crítica construtiva. Todos nidiamente demócratas, progresistas e no ámbito das esquerdas.

Os de Yolanda Díaz din que van “escoitar e SUMAR”, co obxectivo de armar un “proxecto de país, cun novo contrato social”, baixo parámetros “progresistas, feministas, verdes, pacifistas, interxeracionais, europeístas e de mellora da calidade democrática”, que haberá que desenvolver nunha década, máis alá dun período electoral, polo tanto.

Sendo as cousas así, creo que dentro deses “dez anos” deberá estar a apertura dun proceso que busque as maiorías necesarias para a reforma da Constitución e o seu referendo, como eixe dese “novo contrato social” para ese “proxecto de país”.

Un parámetro feminista require a depuración dos contidos patriarcais e a revisión formal de toda a redacción dunha constitución na que a muller está ou ausente ou “ausentada”. Nótase que a Constitución só tivo pais e non tivo nai.

Tamén a perspectiva interxeracional abondaría para promover un cambio constitucional que puidesen protagonizar as novas xeracións que, se aínda non son maioría, deben estar moi cerca. En todo caso, a súa participación na reforma “suma” e non resta ren.

O eixo verde da sostibilidade do medio e da especie e a propia revolución tecnolóxica en que estamos inmersos requiren, sen dúbida, a incorporación á carta magna de novos dereitos e obrigas da cidadanía e das institucións, que respondan ás necesidades e esixencias do novo mundo que se está a conformar.

E se se predica a “mellora democrática”, é ineludible abordar reformas perentorias como, por exemplo, a abolición da monarquía ou, polo menos, o seu sometemento a consulta, sabendo como sabemos que foi a Coroa o xene que garantiu a anómala supervivencia do franquismo e o nó co que o ditador pretendeu deixar “todo atado e ben atado”; o mesmo pasa co artigo 16.3, que utiliza a chamada “aconfesionalidade” para evitar un Estado laico e garantir os vellos privilexios da Igrexa católica e a supervivencia do nacional-catolicismo.

Armar “un proxecto de país cun novo contrato social” non será posible nin crible se non se propón, cando menos, a apertura dun proceso que busque, na próxima década, as maiorías necesarias para reformar a Constitución. Velaí unha das condicións para que SUMAR sexa verdade. Coido eu.