Plutocracia é, literalmente, o poder dos máis ricos. Ese poder será directo, explícito e aberto; ou indirecto, encuberto e implícito, segundo determine ou condicione, máis ou menos abertamente, o goberno da “cousa pública”. En todas as democracias está presente, en diverso grao, a influencia dos máis ricos e creo que pode establecerse que a máis plutocracia, menos democracia ou democracia máis formal ca real. Na democracia española tamén.
Os máis ricos e adiñeirados operan e teñen ascendente case que en todas as instancias, organismos e institucións, públicas e privadas, incluídos os partidos; pero, iso si, con máis influencia directa canto máis á dereita se sitúen as organizacións políticas. En España tamén, aínda que de forma diferente porque unha boa parte do gran capitalismo español, das grandes fortunas máis que de plutócratas, habería que cualificalos de “cleptócratas”.
Nunca se sinalaron as inmensas fortunas nadas da corrupción e do espolio do franquismo
A “cleptocracia” sería, literalmente, o poder dos que labraron a súa fortuna mediante o latrocinio e o engano. Serían eses adiñeirados nacidos da corrupción sistémica e sistemática do franquismo, que acumularon o seu capital espoliando bens públicos e privados, muxindo os ubres da ditadura. Sería moi bo que —de non o haber— houbese un estudo ben documentado, completo e para coñecemento público de quen son, cantos son e que peso teñen os “cleptócratas” no aparello económico e financeiro español.
Con todo, sabemos que influencia e peso si teñen moito. E sabémolo porque, nesta inconclusa transición, nunca se depuraron e nin sequera se sinalaron as inmensas fortunas nadas da corrupción e do espolio do franquismo, senón que se branquearon e seguiron engordando nas entrañas do noso capitalismo autóctono, con toda impunidade. Conseguírono derrotando e extirpando do sistema político español forzas do centro político e da dereita democrática e liberal que, sendo permeables á influencia dos plutócratas, poderían colaborar na depuración e mesmo na extirpación do cancro “cleptócrata”. Deste traballo sucio, no ámbito da política, encargáronse os reformistas do franquismo cando, primeiro con Alianza Popular e logo co PP, afastaron ou integraron e domearon a liberais, democristiáns e outras “familias” progresistas do centro-dereita español.
A plutocracia, é verdade, retarda e distorce o proceso natural da democracia, pero a “cleptocracia” corrómpea de raíz e tenta liquidala no curto ou medio prazo.
Velaí o núcleo trumpista da política neoliberal que reacciona contra os dereitos das persoas, as liberdades públicas, o benestar social, a emancipación da muller, a xustiza social e a convivencia pacífica.
Desgraciadamente, desde as dereitas españolas non se propón, como sería propio, que moderemos ou embridemos a influencia dos máis ricos, senón que nos presionan para que, coa democracia e co noso voto, asumamos o branqueo da corrupción e acatemos o poder máis directo e efectivo dos “cleptócratas”. De aquí en diante, o camiño do autoritarismo, aínda que tope algún atranco, sería costa abaixo.