Poida que as ameazas máis graves, inmediatas e visibles para Galicia sexan os proxectos de ALTRI e a reapertura da mina de cobre de Touro-O Pino. Isto é así por razóns medioambientais, económicas, sociais e políticas.

En efecto, de se materializaren estes proxectos, estragarase e contaminarase unha das principais arterias do corazón de Galicia, como é a cunca do Ulla; isto provocará, por unha banda, un enfisema mortal na ría de Arousa, un dos pulmóns do país, e, por outra, unha infestación insoportable do eucalipto, especie foránea e especialmente pirófila. Danarase gravemente un dos tecidos agropecuarios, marisqueiros e pesqueiros máis valiosos e condenarase o país a unha industrialización prioritaria ou meramente extractiva, depredadora dos nosos recursos, para que outros consigan, con eles, os beneficios e o valor engadido.

A política de Rueda sobre a mina de Touro e a ALTRI é exactamente a mesma

Socialmente, asistiriamos á degradación medioambiental e a agresión directa á saúde e á calidade de vida dunha ampla capa da poboación das vilas e aldeas da ribeira do Ulla e da ría de Arousa, amais de á evidente desvalorización das súas propiedades; destruiríanse, así mesmo, milleiros de postos de traballo, actuais e posibles, a cambio duns centos de empregos esencialmente precarios.

E desde o punto de vista político, asistimos á funesta complicidade da Xunta de Galicia coas compañías depredadoras, baixo a dirección do PP, que veu facilitando, se non impulsando, este tipo de proxectos. E non é de hoxe. Velaquí temos, por exemplo, os casos de ENCE-ELNOSA, que estragou a ría de Pontevedra; o intento, por fortuna freado, de sementar de piscifactorías todo o litoral galego, de dominio público e de especial protección; ou, no ámbito financeiro, a entrega das caixas de aforro á banca foránea, renunciando á ocasión e posibilidade de construír un tecido financeiro propio de Galicia. Mostras que abondan para acreditar que os dirixentes do PP optaron adoito por defender intereses particulares e mesmo alleos ou prexudiciais para o país, por riba do interese xeral dos galegos e galegas. A política de Rueda hoxe e onte de Feijóo, con respecto á mina de Touro e a ALTRI, é exactamente a mesma. Só a presión democrática, social e política poderá impedirlles levala a termo.

A oposición popular e social á mina de Touro-O Pino e a ALTRI medra a ollos vistos, malia que o tecido mediático galego, tan mercenario, tenta ocultar ou desmerecer esta realidade. Arestora, os mandaríns do PP están sós; mesmo entre os seus votantes e simpatizantes medra o desacougo. Incluso os dirixentes do PSOE, até hai uns días de perfil —talvez pola influencia residual de persoeiros como Pepe Blanco—, optaron publicamente por apoiar a oposición a estes nefastos proxectos. Daquela, o Partido Popular non debera tropezar, por enésima vez, na mesma pedra, porque só pode caer na súa deslexitimación política e social en Galicia.

En todo caso, “polos seus froitos os coñeceremos”.

© Foto: Plataforma por unha Ulloa Viva