Sempre houbo debate filosófico, político, táctico ou estratéxico no seo do feminismo. Debate que resultou determinante no avance do movemento feminista desde o século XIX ata hoxe, porque por riba das súas diferenzas filosóficas, de clase ou de calquera outro tipo, as feministas deron mantido a sororidade básica. Bo exemplo disto foron aquelas comunistas que, nun momento dado e por razóns tácticas, se mostraron remisas ao sufraxio feminino, pero non dubidaron en espetarlle ao mesmo Lenin que “se a revolución non garantía a emancipación da muller, non habería revolución”. Como, ao cabo e en realidade, así foi.
Pois ben, sendo os debates feministas algo habitual, levamos unha tempada constatando que a “rede mediática do sistema”, digámolo así, porfía en levalos ao primeiro plano informativo e, ademais, aplícase a presentalos como síntomas dunha grave fractura no movemento feminista e a utilizalos como elemento de confrontación política ou de ruptura no seo do propio Goberno. Así está a suceder, por exemplo, coa manipulación das lexítimas diferenzas entre as feministas sobre a chamada “Lei Trans”. Ofértaselles suculenta carnaza aos partidos da ultradereita, como Vox, e á ultradereita dos partidos, como a que aínda aniña no PP ou en Cs, tamén ao patriarcado en xeral; faise para desgastar o Goberno e, sobre todo, para tentar dividir e debilitar o movemento feminista.
Este ataque tan artificioso e artificial, tan rabioso, e stricto sensu, “sistemático”, tal vez consiga rabuñar e ferir nalgunha medida o movemento feminista, pero non parece que a reacción patriarcal vaia ter un éxito significativo, coñecidos os avatares que o feminismo logrou superar.
En todo caso, si hai algo revelador nas arremetidas que o movemento feminista soporta, non só aquí e agora, senón de forma ubicua e continua: o recoñecemento implícito e inconfesado, mais evidente para o patriarcado, de que o novo suxeito histórico e político con capacidade realmente transformadora xa non é unha clase social, senón a metade da humanidade: as mulleres coa súa vangarda social e política, que é o movemento feminista. Ningún dos problemas actuais e cardinais que atinxen a humanidade —a supervivencia da especie, a desigualdade ou a violencia política, social e de xénero…— poden superarse sen demoler o sistema patriarcal vixente, que é o interese obxectivo das mulleres e a meta explícita do movemento feminista. Por iso se alporizan.
Porque elas cabalgan, eles ladran.