O peor dos tediosos rosarios en familia, nos tempos grises do nacional-catolicismo, era a cadea de padrenuestros que a “madriña” rezaba despois dos ora pro nobis da ladaíña, pedíndolle a Deus polos familiares defuntos e pregando o amparo contra todos os males e penurias que ameazaban os vivos. Aquilo non tiña fin. Matábanos o aburrimento e as nádegas a rebulir, machucadas sobre o duro tallo a carón do lume.

Como era antes de cear, tamén nos torturaba a fame e non viamos chegar aquel liberador “amén” final. Respirabamos aliviados cando se enunciaba a petición do que era sempre o derradeiro padrenuestro: “Para que El Señor nos libre de la justicia” (así, literalmente, porque no rural falábase en galego, pero rezábase en castelán ou en latín…, e por algo sería).

A xustiza en España vive hoxe, seguramente, un dos seus momentos de maior desprestixio

Nunca a xente do común, avisada pola experiencia, tivo boa opinión da xustiza, quizais porque comprobou como tan altiva dama, a pesar da venda, vía ás claras quen era o rico e quen o pobre e inclinaba a balanza case sempre do mesmo lado. “Tengas pleitos y los ganes” era a maldición xitana, un pobo ben coñecedor da xustiza deste país.

Se cadra é por este descrédito xeral polo que os maxistrados teñen que se revestir, nas súas cerimonias xudiciais, de togas negras e puñetas brancas: unha pompa sacralizante que os volve intocables. E, por riba, sempre teñen á man o apoio da forza. Todo isto non lles garante a auctoritas —condición que non se impón, senón que se gaña—, pero si lles asegura a potestas que precisan para que as súas decisións non teñan máis resposta ca o acatamento.

As cousas non foron a mellor, malia as sentidas pregarias da miña avoa. A xustiza en España vive hoxe, seguramente, un dos seus momentos de maior desprestixio. E aínda que a Administración concreta e diaria da xustiza é, seguramente, aceptable na maioría dos asuntos, grazas ao esforzo de honestos profesionais, o poder xudicial e os altos tribunais, que nunca foron suficiente e debidamente depurados do virus franquista, percíbense contaminados e pervertidos. Velaí temos, por exemplo, a Audiencia Nacional, un tribunal especial, ad hoc, herdeiro do TOP, que conculca o dereito da cidadanía ao xuíz ordinario e natural, co pretexto inicial de combater o terrorismo de ETA. Por non falar da tan habitual lawfare ou do secuestro partidista da preceptiva renovación do Consello do Poder Xudicial.

A independencia, o prestixio nacional e internacional e a eficacia da xustiza española están en almoeda. A situación é tan grave que o persoal podería empachar de candorosos padrenuestros, pero pode moi ben suceder que decidan sinalar os responsables e correlos a pedradas…, que hoxe en día a xente non vos é moito de rezar.