Dous mil dezanove é o ano de Vox. Após as andaluzas, entra en xaneiro do 2019 no Parlamento andaluz; en abril, no Congreso, con 24 deputados; en novembro, outra vez nas Cortes españolas, con 52 deputados e dous senadores. Nun só ano, pasa de nada a ser a terceira forza parlamentaria do país.
Vox fúndase en 2013 e, en seis anos, xa ten unha boa conta de resultados. Vén ser a escisión dos nostálxicos do franquismo que aniñaron na dereita española desde a transición e que, no seo do PP, exerceron unha decisiva influencia para manter a liña de continuidade co réxime de Franco. Tentaron facer bo aquilo de “atado e ben atado” e, en boa medida, conseguírono agazapados no armario popular, ao acocho do bipartidismo. Conseguiron, sen problemas, por exemplo, garantir a continuidade dos negocios das grandes fortunas amasadas na corrupción franquista; aseguraron a supervivencia do nacional-catolicismo mediante o Concordato co Vaticano, negociado antes da Constitución; apuntalaron a impunidade de recoñecidos criminais e torturadores na ditadura; e lograron blindar a monarquía do sucesor de Franco a “título de rei” como clave do arco institucional.
Ante a nova configuración partidaria é inviable a vida política parasitaria
Todo resultaba doado e cómodo para os neofranquistas ata que a maioría da cidadanía española, no ano 2011, puxo en cuestión o sistema mesmo ao berro de “¡non nos representan!” e, en pouco tempo, liquidou de facto o bipartidismo, abrindo unha nova etapa política de claro signo constituínte ou “reconstituínte”. Esta etapa aínda non concluíu, pero parece irreversible. O groso da cidadanía, as maiorías sociais e, en consecuencia, todas as forzas políticas séntense concernidas e vense obrigadas a espreguizarse, a retomar posicións e a asumir ou negar cambios de fondo demandados polo pobo.
Ante a nova configuración política e partidaria do país é inviable a vida política parasitaria e, en consecuencia, a extrema dereita neofranquista tivo que abandonar o cómodo e oculto recanto conservador e constituírse en Vox. Viuse obrigada a desaloxar a zona de confort, un tanto clandestina, que lle facilitara o PP e na que logrou sobrevivir e influír durante tantos anos. Hoxe Vox móstrase tal como é: neoliberal no económico, reaccionario no moral, autoritario no político, patriarcal, homófobo e xenófobo. Homologable coas dereitas extremas doutros países pero, iso si, con tres características propias moi españolas: son monárquicos, nacional-católicos e patrioteiros.
Quen llelo ía dicir: tamén eles saíron do armario.