Os negocios, de seu, tenden ao monopolio e, de non poderen, argallan o oligopolio. A intervención do Estado, cren, debe dedicarse primordialmente á protección dos negocios, por riba de calquera outra consideración social ou ética. A política, sosteñen, ha ser a criada da economía. Isto é doutrina do capital, dogma neoliberal.

Hoxe claman polo bipartidismo os que tanto se beneficiaron del

Ao poder pásalle o mesmo ca aos negocios: tende ao monopolio, é dicir, a se converter en absoluto. Pero como a experiencia di que o poder absoluto corrompe absolutamente (dictum de Acton), a política tentou pór límites para evitar a podremia social e moral. Nese proceso de limitación do poder xorde a democracia para repartilo. Pero aínda así, e no mesmo seo da democracia, o poder segue tendendo ao monopolio e procura a maior concentración posible.

Na democracia española, o oligopolio político concrétase no modelo bipartidista; até hai ben pouco, só PP e PSOE se alternaban no Goberno. Este modelo conságrase na interpretación constitucional que se impón o 23-F de 1981 e que asumen a UCD-AP-PP, dunha banda, e o felipismo no PSOE, doutra.

É verdade que, pola realidade plurinacional española, sobre todo polo peso político dos nacionalismos catalán e vasco, nunca se alcanzou o oligopolio partidista total e por iso o modelo deuse en chamar “bipartidismo imperfecto”. Oligopolio ma non troppo. Cómpre apuntar que este bipartidismo, aínda imperfecto, fixo bo o dictum de Acton: a corrupción contaminou a política, necrosou os principais partidos e infectou as mesmas institucións públicas.

No ano 2011 a indignación da cidadanía estala no movemento do 15-M. Ábrese entón espazo político a novos partidos que, en poucos anos, rompen o modelo bipartidista. PSOE e PP encaixan mal os novos tempos. O PSOE resístese o que pode, pero ten que aceptar, ao cabo, o primeiro Goberno de coalición da actual democracia, se ben non deixa de mirar atrás con indisimulable morriña dos seus bos tempos. O PP nin disimula. Aí está Pablo Casado dicíndonolo ben claro: “El multipartidismo es lo peor que ha pasado en España en diez años. Espero que vuelva el bipartidismo”. Co bipartidismo encóbrese tamén a inconfesable nostalxia do franquismo.

Coa boca grande ou coa pequena, claman hoxe polo bipartidismo os que tanto se beneficiaron del: os cadros do PP e do PSOE, os corruptos e corruptores e a armazón mediática que engordou á sombra dese oligopolio do poder.

Non estamos, pois, libres do oligopolio político. Pode volver, se é que se foi…