No caso do holocausto, aplicáronse estratexias e tácticas secretas, discretas e graduais que conseguiron que non se soubese ben o que estaba a pasar, practicamente até que estivo en marcha a chamada «solución final». No caso do xenocidio palestino, o exterminio estase a transmitir en directo urbi et orbi: hoxe coñecemos con precisión o que está a suceder en tempo real e incluso sabemos da intencionalidade e dos obxectivos concretos dos xenocidas, dos seus cómplices e dos seus autores intelectuais.
Sabemos perfectamente quen son as vítimas
Isto é tanto así que o debate público impulsado e xa instaurado non se produce en función do que sucede, que é innegable, senón en como chamarlle ou cualificar esta masacre criminal. Discútese, nunha farisaica controversia meramente nominalista, sobre se o que está a pasar é un xenocidio ou non. A intención evidente é sacarlle ferro a un crime de lesa humanidade.
Arguméntase que nin ao exterminio sistemático polas armas, pola fame e pola sede de todo un pobo, nin á matanza continua de civís (nenos, mulleres, vellos e novos), nin á destrución programada de hospitais, escolas e fogares se lles pode chamar xenocidio até que un tribunal internacional, que nin os propios implicados recoñecen, así o declare.
A hipocrisía de semellante argucia ponse de manifesto cando os mesmos que a sosteñen non dubidan, por exemplo, en nomear e cualificar inmediatamente de «terrorismo» calquera acto violento que entenden cometido con presunta intencionalidade fanatizada, política ou ideolóxica, sen esperar ningunha actuación xudicial.
En todo caso, chámese como se chame este xenocidio: crime contra a humanidade, exterminio dun pobo, masacre criminal perpetrada por un Estado terrorista ou como se queira denominar, coñecémolo todos polo miúdo e en tempo real; sabemos perfectamente quen son as vítimas; sabemos quen son os autores materiais e intelectuais e coñecemos as súas motivacións ideolóxicas, económicas e políticas. E isto concirne directa e claramente á nosa conciencia individual e colectiva, á nosa honorabilidade, á nosa dignidade, á nosa intelixencia emocional e á nosa responsabilidade cívica e persoal.
Temos que preguntarnos, xa que logo, que estamos a facer para contribuír a evitar que perdure este crime execrable, para apoiar as vítimas, para condenar os vitimarios e rexeitar e combater os seus mentores, cómplices ou branqueadores. Branqueadores que están moi preto de nós e que nunca poden ser aceptados, apoiados, nin sequera tolerados.
E si, é un xenocidio e así debemos nomealo, porque nin sequera sabemos se hai xuíces en Berlín.