Tambores de guerra, “hai que reflexionar”, que diría Reixa

En principio, creo que todos —cada cidadá, cada cidadán— seremos partícipes, queirámolo ou non, nas decisións que se tomen: por acción, omisión ou incapacidade colectiva de respondermos eficazmente á comisión do crime. Nunca poderemos tirar a primeira pedra.

Os señores da guerra
Os señores da guerra
Tamén é falso aquilo de que ninguén quere a guerra, coma se dunha catástrofe natural se tratase. Claro que hai quen quere a guerra, quen tenta provocala. Pensemos na puxante industria armamentista, presente dunha forma ou doutra en todos os países, que precisa incrementar decote a súa produción por dúas vías: a do consumo, que necesariamente implica guerra, e a do desenvolvemento técnico para fabricar armas máis eficaces, a saber: máis destrutivas. Recorrerá, por se xustificar, a falaces distincións entre armas ofensivas e defensivas, legais ou ilegais, de destrución masiva ou limitada. Falso. Son diferenciacións interesadas, sen fundamento in re, como dirían os escolásticos. Todas as armas poden ser ofensivas ou defensivas, de destrución masiva ou limitada, ilegais ou, por desgraza, legais na súa maioría.

A causa fundamental de todas as guerras é o espolio

Á hora de buscar o apoio ou a tolerancia da cidadanía, esgrimiranse arcaicos argumentos. Si vis pacem, para bellum. Falso. Se preparas a guerra, haberá guerra. De feito, nunca deixou de habela, porque sempre se estivo a preparar e nunca deixou de afectarnos. O que se nos bota enriba agora é pasala do presuntamente local ao descaradamente global, do patio de atrás á porta da casa.

Para xustificar o inicio oficial das hostilidades, recorrerase tamén aos manidos casus belli, sempre manipulados ou provocados. Lembremos a falacia das armas de destrución masiva para invadir Iraq. En realidade, agroman xa as xustificacións “doutrinais” preparatorias do lanzamento do casus belli da próxima confrontación. Para Hitler foi o Lebensraum: espazo vital; para Trump está a ser o America First.

Probablemente, a causa fundamental de todas as guerras é o espolio, por parte dos máis ricos e poderosos, dos bens que posúen os declarados inimigos. Os primeiros provocarán a guerra para depredar; os segundos entrarán nela para se defender. Hoxe, os bens por espoliar son os recursos naturais, cada vez máis escasos: terras raras, gas, petróleo, uranio, posibilidades de produción agropecuaria e pesqueira, enclaves estratéxicos, auga ou o territorio mesmo.

Non se consegue a paz preparando a guerra. Si vis pacem, limita as riquezas, impulsa a repartición equitativa dos bens da terra, promove o benestar das maiorías, axuda ao control democrático do poder, fomenta a solidariedade e defende as instancias e os organismos internacionais de cooperación e control que, con todos os defectos e carencias que efectivamente teñen, serven para afrontar a solución pacífica dos conflitos e para impulsar respostas políticas a problemas globais que nos afectan a todos.

Non é casual que os actuais “señores da guerra” traten de converter as democracias en plutocracias e de destruír as institucións internacionais de control e pulo económico e político. Queren que o que eles entenden por economía prevaleza sobre a política, é dicir, a razón da forza sobre a forza da razón: a lei da selva, que é marco ideal da violencia e da guerra.

Non haberá paz se se prepara a guerra. Outra cousa será tratar de se defender.