A monarquía española carece dunha clara lexitimidade de orixe e procura asentarse e facerse tolerable na lexitimidade de exercicio. Lexitimidade que fixo saltar polos aires Xoán Carlos de Borbón co seu infame comportamento público e privado que, xaora, afectou á institución que ocupaba e precipitou a súa abdicación. Na realidade, unha deposición.

A partir dese momento, todo o aparato do Estado, os partidos maioritarios, a rede mediática —que, con silencio e adulacións, ocultou e tapou a corrupción rexia durante corenta anos—, a extrema dereita e os nostálxicos monárquicos dedicaron os seus esforzos a erguer un muro de protección arredor de Felipe VI. Tratan por todos os medios de que a inmundicia que deita o pai non emporque nin contamine o fillo. Pero parece que van fracasando neste obxectivo e que se frustrará de vez, máis cedo ca tarde.

a rede mediática, con silencio e adulacións, ocultou e tapou a corrupción rexia

Cómpren boas tragadeiras para crer —como se nos quere vender— que Felipe de Borbón foi totalmente alleo e mesmo descoñecedor, dende hai máis de vinte anos ata hoxe, da rede corrupta e disoluta en que viviron seu pai e boa parte da parentela. Ninguén traga; só desde posicións interesadas, seitariamente teimudas ou implicadas se pode afirmar a non contaminación do rei actual. Coa mente sa, a ética mínima e a mirada limpa, resulta imposible admitilo. Pero é que, ademais, a día de hoxe, a implicación do rei titular nas actividades corruptas do emérito, como mínimo por coñecemento do que estaba pasando e por consentimento e silencio cómplices, está documentalmente apoiada pola propia Casa Real.

No comunicado oficial do 15/3/2020, a Casa Real admite que, en marzo de 2019, Felipe VI recibe do despacho de avogados Kobre & Kim unha carta coa súa designación como beneficiario ou herdeiro no seu día da Fundación Lucum, da que é titular seu pai e coa que realiza operacións fraudulentas. A existencia desta carta é a proba documental de que don Felipe é coñecedor de actividades delituosas de don Xoán Carlos desde, polo menos, marzo de 2019. Tanto é así que bole a comparecer perante notario para facer constar a súa renuncia á herdanza. Renuncia imposible, porque aínda non hai herdanza. É dicir, acena e cala. Unicamente un ano despois, cando todo sae á luz, naturalmente na prensa internacional, aparece o citado comunicado da Casa Real que afasta o emérito da escena oficial, quítalle a paga e trata de que don Felipe saque os pés do trollo.

Felipe de Borbón está espido. Só falta o berro dun neno.