Son os que están a recruar a chamada batalla cultural, que busca recuperar e impor criterios, valores, crenzas e prácticas hoxe social e culturalmente en crise e en vías de superación, pero que foron propias dun statu quo anterior que facilitaba autocracias e dogmatismos. Tres armas principais utilizan os plutócratas ultras nesta batalla cultural: o revisionismo histórico, a chamada posverdade —que vén sendo a distorsión deliberada dos feitos, dos datos e da verdade mesma— e a deturpación da linguaxe, baleirando palabras e conceptos do seu sentido recto e orixinario (como fai Ayuso coa liberdade); aprópianse deles para connotalos con novos significados destinados a espallar a ameaza, o medo ou o odio.
Supremacistas: homes, brancos e ricos que se consideran superiores
Un exemplo disto último é o que está a suceder coa palabra e o concepto woke, que orixinariamente se refería a estar alerta, esperto ou espelido ante a discriminación racial e a supremacía branca nos EUA, e que axiña pasou a significar estar en contra de todas as discriminacións e desigualdades: económicas, de clase, de etnia, de xénero, etc. E agora, tamén nos EUA, a “Internacional Ultra” liderada por Trump aprópiase da palabra woke para connotala de xeito negativo e pexorativo e meter nun mesmo saco a todos os seus inimigos susceptíbeis de odiar e eliminar: os inmigrantes, os negros pobres, os buenistas, os solidarios e os activistas pola xustiza social; en fin, todos os que consideran progres e partidarios de avanzar na igualdade, na equidade ou na xustiza social. “Se te fas woke, vaste arruinar”, así ameazan os empresarios e filántropos que poderían apoiar causas nobres.
Arestora, parece que esta batalla cultural desconcerta as esquerdas, demócratas e progresistas, que ven medrar o medo e o odio no debate político, cultural e social. Nin sequera se sabe como nomear estes agresores plutócratas e das dereitas que compiten por seren cadaquén máis ultra: son fascistas, neofascistas, nazis? Como denominalos?
Coido que a politóloga Alicia Valdés, nun faladoiro do podcast Carne Cruda, atina cando propón nomealos supremacistas: homes, brancos e ricos que se consideran superiores, que defenden e exercen a supremacía branca sobre as outras etnias ou “razas”, a dos homes sobre as mulleres, a dos heteros sobre os homosexuais, a dos autóctonos sobre os inmigrantes, a dos máis ricos sobre os menos ricos e os pobres. Tratan de vender como dereitos os seus privilexios e tentan conseguir que moitos poidan sentirse superiores aos “outros”, logrando influencia social e electoral e, sobre todo, fanáticos partidarios susceptíbeis de se converteren en esbirros ou sicarios, de seren precisos. Así se crean os “inimigos internos”, tan necesarios para as autocracias. Inimigos que hoxe son, por exemplo, os inmigrantes, como foron os xudeus para os nazis, auténticos supremacistas arios.
Son nazis, fascistas, neofranquistas, ultras? Seguramente teñan de todo, pero coido que hoxe os define mellor supremacistas, precisamente aqueles ante os que os woke deberían estar moi alerta e moi espelidos.