Segundo asalto do gran combate electoral de 2023. “Estamos en guerra, hai que reflexionar”, como dirían Os Resentidos.

Son tempos cruciais que nos chaman á “competencia virtuosa” na unidade.

O Movemento 15M do 2011, logo da súa cristalización política en Podemos, é o que realmente acaba co bipartidismo en España. Polo menos, de momento. O bipartidismo vén ser un modelo de democracia “limitada”, baseado na alternancia no poder político de, unicamente, dous partidos. Pode haber máis organizacións políticas, incluso moitas, pero sen ningunha posibilidade real de gobernar. Creo que este foi o modelo da democracia española, sobre todo a partir do 23F de 1981. Tamén pode haber máis dun partido nos réximes ditatoriais de partido único, pero sempre subordinados e ligados ao réxime e sen opción ningunha de gobernar.

Hai que dicir que o español non era un bipartidismo total e perfecto, no sentido de que o acceso ao poder estivo, por veces, fortemente condicionado polos partidos propios das chamadas “nacionalidades históricas”, nomeadamente de Cataluña e o País Vasco.

Foi neste clima bipartidista onde callou a andrómena do “voto útil”. Os “pedagogos” dos partidos, participantes de faladoiros, medios mercenarios e demais conseguiron espallar a especie de que só era útil votar a un ou outro dos grandes partidos. Votar polos “partidiños” era perder o voto, era inútil, dado que nunca acadarían o poder. Eran papeletas perdidas.

Cuestionado e roto o bipartidismo, xa non lles resulta útil o “voto útil” aos vellos partidos da alternancia, porque varias son as organizacións políticas con posibilidades reais de gobernar ou de participar na gobernanza.

A outra consecuencia fundamental da caída do bipartidismo no Estado foi, en realidade, a vixencia e sustentabilidade dun goberno de coalición. Tanto que, de facto, hoxe é moi improbable un goberno coa maioría absoluta dun só partido.

A experiencia da primeira coalición de goberno —por certo, das esquerdas— resultou complexa e difícil, pero rica, estimulante e pedagóxica. Difícil e complexa polas crises, polos problemas sociais, económicos e sanitarios de máxima envergadura que encarou; polas contradicións internas e as diferenzas notables dos coligados; polas estratexias de acoso e derruba sen cuartel que debeu soportar por parte da oposición política e mediática que non ofreceu, nin sequera nas cuestións máis fundamentais de Estado ou de interese xeral, a mínima comprensión.

Así a todo, o Goberno cumpre o seu mandato, aproba todos os orzamentos anuais no tempo e na forma establecidos; lexisla e promove medidas de grande alcance social, laboral e económico; esconxura e evita catástrofes anunciadas, estimuladas e esperadas polos seus opositores para beneficio propio; afronta con aceptables resultados a extraordinaria crise sanitaria e económica, e ata consegue apoderar o país nos ámbitos europeo e internacional.

Pero, seguramente, un logro do máis relevante foi conseguir embridar e encarreirar os debates e contradicións internas dos coligados, ás veces torpemente aireadas por eles mesmos e sempre amplificadas e duramente utilizadas pola oposición política e, sobre todo, mediática. Ao cabo, resultou pedagóxico que os debates entre coligados se produciran coram populo porque nos aprendeu a todos que é posible, estimulante e moi útil acordar e pactar a convivencia política mínima necesaria, mantendo o lexítimo desacordo.