O individualismo radical e o lucro como motores principais da economía e da vida son valores cardinais do neoliberalismo rampante e dominante, especialmente desde a caída do muro de Berlín e o derrubamento do, probablemente ben chamado, capitalismo de Estado. Os contidos neoliberais fixéronse hexemónicos. A presunta eficiencia e eficacia do privado, o menosprezo do público, o predominio da especulación, a medra económica sen fin, o consumo sen límites, a consagración da desigualdade, como fenómeno natural irremediable e ata desexable, para estimular a competencia ou a redución ao mínimo dos poderes e competencias dos estados preséntanse como valores éticos e instrumentos políticos e económicos para a mellor gobernanza, para o exercicio das liberdades e dos dereitos dos individuos e incluso para xestionar a democracia.
Os fracasos do sistema neoliberal deixan en evidencia que está entrando en descomposición
Coa vara de medir histórica e política, o neoliberalismo dos Chicago Boys, apadriñados por Friedman e Harberger, tardou ben pouco en fracasar rotundamente ao non dar superado os problemas globais que pretendía resolver ou, tan sequera, embridar. O neoliberalismo só trouxo a catástrofe como resultado presente e futuro, micro e macro, privado e público, individual e colectivo. As crises globais de carácter económico, financeiro e social agudízanse e sucédense con frecuencia crecente, como as contraccións que preparan un parto.
Practicamente desde principios de século, o fracaso neoliberal vaise facendo máis patente para a opinión pública: non resolve nin atempera a crecente pobreza e precariedade, que converte o mundo nunha polvoreira que estala seguido. O modelo capitalista vixente, non só non encara o grave problema ecolóxico do planeta, senón que contribúe a agravalo e pon en perigo real a supervivencia da especie. Das crises cíclicas pásase, sen remedio, á crise permanente. Tampouco serven as estratexias neoliberais para afrontar minimamente a fonda desigualdade de xénero da sociedade patriarcal. Esa cadea de fracasos deixa en evidencia un sistema que está entrando en descomposición.
Isto viña sendo así desde principios de século, como dicía, pero o estoupido da pandemia global da covid-19 trouxo ao primeiro plano a perversidade radical das estratexias neoliberais e o valor insubstituíble, ético e político, do público, do colectivo e da solidariedade social; tamén a necesidade dos estados para a xestión cabal da cousa pública. A superación do neoliberalismo é xa unha cuestión de saúde pública.