Parece que se xesta unha “Fronte Ampla” como alternativa electoral de esquerdas, unitaria e transversal, que podería liderar Yolanda Díaz. En agromando, se o fixer, asistiremos a un auténtico tsunami político e mediático para abortala. O primeiro ataque será chamarlle “Fronte Popular”, cos obxectivos de descualificar a proposta, sementar confusión e recuperar medos atávicos reaccionarios.

Evitar a volta ao autoritarismo e á ditadura e recuperar a democracia: velaí a razón

Pero a Fronte Ampla non é unha Fronte Popular. A Fronte Ampla floreceu na América Latina e podería dicirse que é como aquelas cancións de ida e volta: ritmos e melodías que levaron os inmigrantes, que se mesturaron con cadencias e sabores autóctonos e regresaron das Américas como cancións novas con personalidade de seu. É posible que a experiencia das frontes populares en Europa servise de certa referencia para as frontes amplas, moi vivas na América Latina, pero son ben diferentes, tanto pola súa conformación como polas súas estratexias ou obxectivos políticos.

Mentres a Fronte Popular é unha mera alianza de partidos políticos de esquerdas con fins case exclusivamente electorais —cómpre lembrar que, en España, por exemplo, nin sequera conformou grupo parlamentario no Congreso—, a Fronte Ampla, en cambio, é unha alianza de partidos, asociacións e plataformas cívicas con vontade de construír un movemento que, ademais de comparecer nas eleccións, pretende desenvolver un programa común acordado. A Fronte Ampla é un movemento inequivocamente democrático. Tanto que, en realidade, xorde para loitar, derrotar ou evitar, por medios políticos democráticos e pacíficos, as ditaduras. Aí están os exemplos de Chile, Guatemala, Uruguai, Brasil e tantos outros.

Aquí e agora, unha Fronte Ampla cobra máis sentido día a día. A razón é a profunda deterioración das democracias, o rexurdimento da extrema dereita e, o que aínda é máis grave, o xiro reaccionario e autoritario dos partidos, que deixan politicamente orfos os conservadores, liberais ou democristiáns, xenuinamente demócratas. Velaí o PP de Casado e Ayuso, esforzándose ao primeiro por branquear a Vox, pactando deseguido acordos de lexislatura para, mañá, tecer coalicións de goberno que lles franqueen as portas do poder aos neofranquistas: os fascistas españois do século XXI.

A causa última desta situación política é o fracaso económico, social e político do modelo neoliberal, que ao non se dar sostido democraticamente, opta polo autoritarismo e, se o precisar, pola ditadura. Nada novo sub sole capitalista.

Evitar a volta ao autoritarismo e á ditadura e recuperar a democracia: velaí a pertinente razón primeira dunha Fronte Ampla.