A veciñanza de Monterroso (Lugo) protesta contra a celulosa xunto ao río Ulla. Foto de ‘Ulloa Viva’
sería inxenuo esperar algo da actual Xunta de Galicia
Estamos ante unha bomba ambiental altamente contaminante, non só para a comarca da Ulloa. Para empezar, provocará unha sorte de “necrose eucalíptica” que incrementará a plantación destas árbores foráneas e “pirófilas” en toda Galicia. De seguido, desde o corazón mesmo do país, a través da grande arteria do Ulla, bombearase sangue mórbido que infectará a ribeira e chegará á ría de Arousa. E non esquezamos que “a nosa vida son os ríos que van dar ao mar que”, no caso de Galicia, é o vivir. Estamos, quizais, ante o principal problema ecosocial actual do país.
Lamentablemente, xa sabemos que non se poderá contar coa Xunta de Galicia para evitar esta nova agresión. E sabémolo porque os sucesivos Gobernos do PP en Galicia, lonxe de escarmentar con ENCE, foron e son o instrumento máis eficaz e decisivo para a continuidade e supervivencia, practicamente sine díe, da agresiva celulosa de Lourizán. Desde Fraga a Rueda, pasando por Feijóo, todos os presidentes da Xunta, non só toleraron a desfeita de ENCE, senón que permitiron irregularidades e transgresións, evitaron recuperar a concesión en diversas ocasións e chegaron a manobrar —ende ben, sen éxito de momento— para que a parcela outorgada a ENCE en concesión perdese a súa condición “demanial”, co obxectivo de que a empresa puidese facerse con ela en propiedade. O cumio e súmmum desta complicidade e confabulación veu da man de M. Rajoy, quen no solpor do seu mandato en Madrid foi quen de reformar a lei de costas. Reforma que permitiu ampliar a concesión a ENCE por 60 anos máis, xusto cando esa concesión estaba a piques caducar.
Con estes antecedentes, sería inxenuo esperar algo da actual Xunta de Galicia, pero é de cegos e xordos sabendo que o Goberno de Alfonso Rueda escolleu o proxecto Altri como unha das iniciativas susceptibles de financiamento a través dos fondos Next Generation da Unión Europea e declarouno proxecto estratéxico e de utilidade pública para acelerar trámites burocráticos, polo que ALTRI podería recibir máis de 250 millóns de diñeiro público. Millóns que, ben empregados na comarca ameazada, si poderían ser realmente de utilidade pública.
A única posibilidade de evitar esta puñalada no corazón de Galicia está, creo, nunha rotunda mobilización social e política, que informe con veracidade e lealdade a cidadanía, que denuncie e evite a entrega mercenaria da rede mediática galega aos intereses de Altri, que presione a Xunta de Galicia para que cumpra coa súa obriga de defender o interese xeral e que, incluso, logre disuadir a empresa portuguesa porque, apuñalando este país, non lle sairían as contas.