Predicar da española que é unha “democracia plena” paréceme un tecnicismo, no sentido de que responde a unha clasificación convencional, ideada polo semanario The Economist, que, baseándose en sesenta indicadores, tenta medir dalgún xeito a calidade democrática dos Estados.
España é un sistema democrático en eterna transición
En realidade, paréceme que a democracia española, froito dun consenso para transitar da ditadura á democracia sen violencia política, segue a ser un sistema democrático en “eterna” transición, pexado polo xene herdado e vivo do franquismo. Xene constitutivamente reaccionario, segundo o concepto de reacción que define o profesor José Luis Rodríguez Jiménez como aquel pensamento “que intenta revivir o pasado mediante unha visión máis mítica ca real e no que se fan presentes sentimentos de intolerancia, a denuncia de escuras conspiracións que non existen máis ca no maxín dos seus autores, o recurso a formulacións maniqueas, negando a posibilidade de existencia a calquera posición intermedia entre o mal absoluto e o ben absoluto, e a exaltación dunha determinada visión da relixión en oposición ao cultivo das ciencias naturais e ao desenvolvemento científico-tecnolóxico».
Este xene explicaría, polo menos en boa parte, que a democracia española leve practicamente medio século sen lograr ningunha reforma substancial da Constitución, reaccionariamente sacralizada, malia os substanciais cambios económicos, sociais, xeracionais, tecnolóxicos e culturais que se van sucedendo e que a carta magna descoñece. E, con toda evidencia, explica o traballo e mesmo o esforzo que se precisan para establecer por lei o recoñecemento de calquera novo dereito ou a regulación de calquera nova situación que se produza.
Todo avance é lento, moitas veces morno, e sempre esperta esas oposicións virulentas tan propias da reacción. Pero deseguido, é doado comprobar que as maiorías sociais os asumen con total normalidade e que incluso as mesmas xentes que os combateron con furia intégranos nas súas propias vidas con avergoñado anonimato e/ou contraditoria naturalidade. Todo isto sucedeu, por exemplo, coa lei do divorcio, a lei reguladora do aborto, a lei do matrimonio homosexual e un longo etcétera.
Hoxe asistimos a unha nova eclosión da máis dura reacción ante o intento de reconducir ao espazo do diálogo, da negociación e do acordo; é dicir, ao espazo democrático da política, a solución ou a saída de conflitos irredentos e nidiamente políticos, como son o catalán, vasco ou galego, na procura dunha fórmula mellor, estable e seguramente diversa de convivencia, pacífica e virtuosa das diversas nacións e rexións que constitúen o Estado español.
O desaforado enfrontamento inspirado e promovido polas dereitas, cada unha no seu papel de instigadora ou de executora, revela a presenza activa dese xene reaccionario, verdadeiro cancro da nosa democracia “plena”. É a reacción pura e dura que asenta “nunha visión máis mítica ca real”, en “sentimentos de intolerancia” e actitudes violentas, en paranoias de “escuras conspiracións inexistentes”, nese diabólico maniqueísmo dos españois bos e os antiespañois malos, nos agoiros da catástrofe nacional e nunha mórbida nostalxia daquela España “Una, grande y libre”.
Trátase do rexurdimento periódico dun xene reaccionario que non acada maiorías, de momento, pero que sobrevive e sempre minora, se non paraliza, o “natural” desenvolvemento democrático.