Vivir en galego non resulta doado, é cousa sabida. E podería facer unha lista diaria de agravios que non vou facer. Á miña idade xa teño dabondo con intentar exercer os meus dereitos como para tentar xustificar a miña lingua nai diante de persoas que nin queren falar galego nin que llo fale eu, xente que non entende nin quere entender que a miña opción é tan válida, ou máis ca súa. É unha loita constante. Facer pedagoxía a todas horas pode ser esgotador, pero, agora máis ca nunca, semella necesario, porque as alarmas están todas acendidas e as persoas que queren borrar o galego das súas (e das nosas) vidas xa están aplaudindo coas orellas. E non tardarán en nos tratar coma persoas fanáticas, ás que lles falta algo.

“As persoas que queren borrar o galego están aplaudindo coas orellas”

A modo de exemplo metafórico, non hai moito asistín en Silleda a unhas probas de promoción da Xunta e entrei pola porta 1, igual ca aqueles aspirantes que escolleron facer o exame en galego. O curioso —ou non— é que esa era a mesma porta asignada ás persoas con discapacidade. Ningún reparo por iso, por suposto. Pero, como nos temas do idioma un sempre desconfía, dei en pensar se esa clasificación era casualidade, se tiña a súa razón de ser en que había pouca xente que, coma min, escollera o idioma de Rosalía, ou se a decisión das persoas responsables entendía a nosa escolla coma outra clase de eiva. Non o creo. Pero estes días, logo de ver as formas bárbaras coas que na Arxentina de Milei se pretendía clasificar a discapacidade, atendendo ao grao do coeficiente intelectual, a miña sensibilidade volveu barrenar nun posible futuro onde esa minoría que ama a nosa lingua e a quere usar en todos os eidos da vida poida ser clasificada algún día como idiota, imbécil ou débil mental. Agardemos que non.

© Foto – Xoán A. Soler. La Voz de Galicia

Nota: Artigo de opinión publicado en La Voz de Galicia do 3 de marzo de 2025 por Antón Riveiro Coello.
Enlace: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/silleda/2025/03/02/span-langglas-eivas-do-galegospan/00031740938248818419473.htm