Un ano despois da fraude electoral, a caravana de migrantes cara a EEUU puxo no mapa un país castigado pola indiferenza internacional, pola desigualdade, a pobreza, a corrupción, a violencia, a impunidade e a constante falta de respecto aos dereitos humanos. Honduras apenas ocupa algún titular da actualidade internacional. Para a súa tristeza, sae á luz unicamente cada vez que unha desgraza arrasa o país. O furacán Mitch, o golpe de Estado de 2009, o asasinato da líder indíxena Berta Cáceres, as eleccións fraudulentas do 2017 ou a caravana de migrantes que no outono emprendeu rumbo a Estados Unidos.

Caravana de migrantes hondureños cara a EUA

Fraude electoral

O 26 de novembro de 2017 celebráronse eleccións á presidencia da República de Honduras. Por primeira vez desde que a Constitución de 1982 o marcase como un dos seus artigos pétreos, un presidente optou á reelección, sendo ese feito inconstitucional. […] Juan Orlando Hernández, lonxe de ser inhabilitado, recuncou no cargo grazas a un reconto de votos manipulado cando, a horas de se pechar os colexios, perdía as eleccións. Indicios dunha fraude electoral que levou á poboación ás rúas durante varios días. Na represión do Goberno a esa protesta masiva, 33 persoas morreron, houbo centos de feridos e varias persoas foron detidas. Moitas seguen no cárcere como presos políticos. Con ese legado, o presidente, ao que a gran maioría cualifica de “ilexítimo”, goberna o país. Faino en conivencia coas elites hondureñas, pero coa oposición das clases máis humildes. E a situación, en Honduras, só fixo empeorar durante os últimos meses. A desigualdade e a concentración do poder económico nunha pequena porcentaxe da poboación (17 familias) é a orixe de todos os problemas do país.

Pobreza, desigualdade, corrupción e violencia

Dos 9 millóns de hondureñas, o 66% viven na pobreza e, deles, o 45% na pobreza extrema. A metade da poboación non ten emprego e malvive de negocios á marxe da legalidade. Bandas xuvenís ou maras controlan as colonias, usando a extorsión e a violencia contra todo aquel que non obedece as súas normas ou que non paga o imposto que esixen. Negocian coa droga, unha droga que conseguen nas mafias que tamén dominan o país e que o están convertendo xa nun narcoestado. No medio de tal situación, a seguridade privada converteuse nunha necesidade case obrigatoria para quen teña un negocio, grande ou pequeno. As armas aparecen por todas partes, camións de repartición, portas de supermercados, farmacias, panaderías… E ese enorme persoal de gardas de seguridade está en mans de empresas cuxos donos son os militares e ex-militares do exército hondureño. Xunto a eles, policía local, nacional, policía militar e exército. Estes dous corpos do Estado son dos mellores dotados de toda Latinoamérica. Conclusión: Honduras dedica o 52% do seu orzamento nacional a seguridade. O orzamento para Educación non chega ao 22%. A principal fonte de ingresos para unha gran maioría de hondureños é o traballo nas maquilas, grandes empresas do téxtil que dan traballo a 130 000 persoas en Honduras. A maioría son mulleres novas e nais solteiras que traballan en condicións moi duras e con salarios pírricos. No ránking da ONU que mide a esperanza de vida, o nivel de saúde, o acceso á educación e a dignidade no nivel de vida, Honduras ocupa o posto 130 do mundo, o máis baixo de toda Latinoamérica. Só é superada por Haití, que ocupa o 163.

Berta Cáceres, nunha cerimonia para recordar tres líderes lenca asasinados na campaña contra a presa Agua Zarca

Medo a morrer

“Roubáronnos tanto que ata nos roubaron o medo”, é unha frase que resoa nun país que, sen estar en guerra, soporta unha taxa de homicidios superior aos lugares en conflito (90 por cada 100 000 persoas). E San Pedro Sula, a 244 km de Tegucigalpa, chegou a ser cualificada como a cidade máis perigosa do planeta. Ademais da violencia nas rúas, das mortes vinculadas á droga, calquera persoa que se mostre crítica co goberno ou coas multinacionais que están a ocupar gran parte do país, son ameazadas de morte e, en moitos casos, asasinadas. No últimos cinco anos, 25 xornalistas morreron por este motivo e case 170 líderes indíxenas e defensores dos dereitos humanos.

A desigualdade e a concentración do poder económico é a orixe de todos os problemas do país

O goberno de Honduras optou por unha política mineiro-extractiva, coa que se privatizan e concesionan miles de hectáreas, mesmo algunhas que non lles pertencen, favorecendo así o investimento estranxeiro. Moitas das comunidades indíxenas hondureñas, orixinarias desde hai moitos anos desas terras, están a ser expulsadas. Un exemplo diso é a comunidade garífuna: negros hondureños descendentes de escravos africanos. Viven na costa caribeña e están a ser expulsados das súas terras pola construción de centrais térmicas ou pola compra abusiva de espazos na costa para crear grandes resorts turísticos. Moitas comunidades organizáronse en movemento de defensores do territorio e loitaron, mesmo en ámbitos internacionais, para reclamar os seus dereitos. Un dos casos máis emblemáticos foi o de Berta Cáceres, cuxo asasinato, hai algo máis de dous anos, fixo resucitar o pobo hondureño. Outro dos problemas que enfronta o país é a impunidade: case sempre resulta complexo demostrar que un asasinato foi premeditado e cuns autores intelectuais moi concretos. Ao final, sempre hai unha escusa infalible para a policía ou as autoridades locais: foi un crime pasional. E é que aquí as forzas de seguridade sempre teñen algún tipo de vinculación co crime organizado.

Fuxir do país

A crecente situación de pobreza, desigualdade, violencia e impunidade na que entrou Honduras nos últimos anos sitúa a súa poboación máis vulnerable ante unha dobre opción: quedar no país e correr o risco de que te maten, de pasar fame… de aguantar ata onde se poida esperando momentos mellores. Ou marchar cara ao norte (México ou EEUU) en busca dunha oportunidade e dunha vida mellor para a súa familia. Iso fixeron xa moitos e, de feito, as remesas (ganancias que os emigrantes envían ás súas familias) son a principal fonte de ingresos en Honduras.

As persoas que deciden fuxir cara ao norte en busca dunha vida mellor fano en pequenos grupos ou en solitario. Cada mes, entre 300 e 400 persoas menores de 30 anos tomaron esa opción en Honduras, segundo datos que manexa o ERIC. O pasado 13 de outubro, e de forma masiva, convocouse unha saída conxunta desde San Pedro Sula cara a Estados Unidos e xuntáronse 4.000 hondureños, cifra que foi crecendo, con outras marchas paralelas doutros cidadáns centroamericanos, ata chegar aos 7.000.

Tomado de www.entreculturas.org/es/honduras
(Máis información buscando en internet: entreculturas entrevista padre Melo)