Isto aconteceu co galego nos Séculos Escuros e baixo o franquismo; mais, na actualidade, perpetuar esta conduta é cuestión de mera inercia. En Galicia, como demostran todos os estudos, os auténticos bilingües son os galegofalantes iniciais. Aqueles aos que se lles transmitiu o galego na familia son plenamente competentes en galego e castelán; á inversa, non acontece. Deste xeito, os galegofalantes iniciais acaban tendo unha vantaxe final; pero é que, ademais, o bilingüismo inicial destes falantes ten amosado vantaxes cognitivas e neurolóxicas.
E, malia todo iso, eu querería pór o foco noutra cuestión: no feito do que transmitimos en termos de valores e de afectos. Nestes intres, Europa defende a diversidade lingüística; falar galego está lonxe de ser un marcador de incultura. Antes ben, de selo de algo, seríao de signo contrario; centos de persoas de lonxe acoden a nós para aprender a nosa lingua e mergullarse na nosa literatura (véxase a recente tradución ao hindi da poesía de Luísa Villalta que acaba de facer Vikash, un dos nosos brillantes alumnos dos cursos da RAG Galego Sen Fronteiras). Neste contexto, afirmarse no que somos como pobo debe ser un gozoso acto de amor aos nosos devanceiros e a nós mesmos. Por iso, falarlles galego aos fillos é, ao tempo, un acto cheo de sentido emocional e de intelixencia. Eu tíveno claro hai 22 anos, cando tiven o meu primeiro fillo, e sigo reafirmándome cada día. Para min, é un gozo e un orgullo escoitar os meus dous fillos falando galego entre eles. Transmitinlles unha lingua e, con ela, un xeito de estaren no mundo: un modo definido pola autenticidade e non polas valoracións conxunturais, polo orgullo do propio, o sentimento de pertenza, o dereito a seren o que son sen xulgalo mediante un prisma alleo, mesmo unha sensibilidade cara a todas as loitas pola igualdade.