Ao comezo deste ano 2020, nos días do debate de investidura do socialista Pedro Sánchez, ante o gravísimo perigo e temor da coalición cos pérfidos comunistas e chavistas e grazas ao voto activo ou pasivo dos sediciosos nacionalistas cataláns e vascos, o cardeal Antonio Cañizares, arcebispo de Valencia e Vicepresidente da Conferencia Episcopal Española dirixiuse aos cristiáns valencianos nunha carta pastoral titulada NESTA HORA CRUCIAL PARA ESPAÑA ¡ORAD POR ESPAÑA!, na que insiste: “Pido encarecidamente, y me pongo de rodillas ante todos, que a partir de hoy y en los días sucesivos se ore por España. La situación urge y apremia. Para Dios nada hay imposible”.

Non sabería dicir cal das cousas me resulta máis patética e allea: se a delirante idea que Monseñor Cañizares ten de España, a absurda imaxe que se fai de Deus ou o grotesco modelo de Igrexa que representa.

Se España fose ou houbese de ser aquilo polo que o cardeal chama a rezar, eu non querería ter pasaporte español, como non querería ser contado na Igrexa nacional-católica que o arcebispo propugna, nin podería orar a un Deus que fose o todopoderoso Monarca extramundano que no seu imaxinario rexe, sen réplica posible, o destino das persoas e do universo.

Se España fose iso polo que o cardeal chama a rezar, eu non querería ter pasaporte español

Con todo, aínda entón, dígoo de todo corazón, seguiría estimando e admirando a España cos seus diferentes pobos e nacións irmás, as súas culturas, linguas e acentos diversos, as súas paisaxes tan distintas e a cal máis fermosa. Seguiría sentíndome fillo, pobre fillo agradecido, da Igrexa de Jesús, a Igrexa de todos os pobres, sen fronteiras nin ataduras, a Igrexa que me procreou, me nutre e acompaña. E seguiría orando, adorando e respirando – oxalá que con todo o meu ser- o Alento Vital que arde no sol e en cada estrela, en cada átomo e cada folerpa de neve, en cada célula, cada herbiña e cada insecto, en cada koala devorado polas chamas de Australia. Respirar o Alento Vital: iso é, no fondo, rezar ou orar.

Pero as tradicións teístas, os grandes monoteísmos en particular, afixéronnos a orar “falando” a Deus para pedirlle perdón, darlle grazas ou suplicarlle. Sobre todo, suplicarlle: coma se Deus fose un personaxe que necesita ser obedecido e afalagado, que escoita e, ás veces, responde, que se anoxa e logo se calma e perdoa, que escolle a quen quere e castiga a quen lle parece, que só unha vez se dignou encarnarse e fíxoo no xudeu Xesús, concibido sen varón no ventre de María hai 2000 anos, neste planeta Terra onde os bispos o representan. A iso chaman un “Deus persoal”. Eu non podo rezar a ese “deus”, nin darlle grazas nin pedirlle perdón, nin suplicarlle pola España Unha e Grande, nin pola independencia de Catalunya ou de Euskadi, nin sequera pola xustiza e a paz na Terra.

O meu problema non é o máis grave. No caso -probable e para min moi desexable- de que non se cumpran todas as intencións das oracións solicitadas, o mesmo arcebispo purpurado debería ofrecer unha explicación aos diocesanos que, con todo o seu fervor, recen a Deus pola España integrista e a Igrexa nacional-católica. Como lles explicará que Deus non os escoitou ou que, escoitándoos, non lles concedeu o que pedían? Como profesor de teoloxía que foi, o arcebispo purpurado debe de saber que San Agustín non considera máis que tres razóns posibles para que Deus, sendo omnipotente, non acceda ás nosas peticións: malus, male, malum. É dicir: ou ben que o orante é malo (malus), ou ben que o pediu de mal xeito (male), ou ben que o pedido é algo malo (malum). Prepárese o cardeal para esta espiñenta lección teolóxica que deberá impartir.

Orar é respirar o Alento e espiralo, en quietude e en compaixón solidaria subversiva

Claro que o problema non está en “Deus”, senón na nosa imaxe de Deus. Xa é hora de que os cristiáns cambiemos de Deus e de oración. E non se trata de inventar nada, senón de volver todo o máis profundo que ensinaron os grandes mestres/as espirituais, que é como dicir mestres/as de vida, tanto nas tradicións místicas orientais como nas tradicións proféticas monoteístas, como tamén nas filosofías espirituais non relixiosas. Deus é a alma ou o Alento ou a Vida de canto é.

E orar? No fondo, é o mesmo que se chama “meditar” nas sabedorías orientais ou “contemplar” na tradición monástica. Orar é acougar a nosa mente inqueda. Orar é facer silencio e, no Gran Silencio, acoller a Revelación do Misterio que resoa en todo o que é e no fondo do noso ser: “Orar é sucar no máis profundo dos meus sentimentos e pensamentos” (Frei Betto). Orar é facerse presente: Aquí estou, eu son. Orar é espertar á conciencia de SER un con todo na diversidade de todas as formas. Orar é respirar o Alento e espiralo, en quietude e en compaixón solidaria subversiva. Orar é ser e transformar.

En canto ao Partido Socialista e a Podemos, dúas palabras simplemente: Grazas e ánimo. Grazas por formar este goberno! E ánimo para a difícil e crucial tarefa que vos espera: construír unha España moito máis xusta, laica e confederal, onde quen queira, poida entrar e quen queira, poida saír, na Europa e na Terra de todos os pobos irmáns, unidos. É a causa máis santa, e será a oración por excelencia, a realización do noso ser profundo.

(*) Publicado no diario “Deia”