Teño, da man do seu protagonista principal, como pan quente saído do forno, un escrito enxundioso que leva como título “Conversas do padre Bieito Santos, cura obreiro”. Está editado en Vigo por SEPT. A súa presentación ante un abondoso foro de persoas tivo lugar na viguesa igrexa xesuítica dos Apóstolos, na que Bieito Santos exerce actualmente o seu ministerio sacerdotal. Na publicación o xesuíta e cura obreiro é interrogado de xeito moi atinado por Silvestre Gómez Xurxo e X. Francisco Domínguez Martínez.

Vaia por diante que se trata dun escrito que bota luz (e moita) sobre o concreto compromiso dunha persoa cos seus semellantes ó se facer un con eles. Velaí o segredo, a audacia e a lección dunha tal acción realizada con naturalidade, sen protagonismos que destruirían ou entorpecerían tal compromiso. No caso que nos ocupa, porén, estes semellantes, os obreiros, non o eran tanto, polo menos nos tempos do mozo Bieito, ó eles daquela viviren, ademais, alomenos unha boa parte da súa vida, baixo un réxime político autócrata, non democrático.

Bieito falar do traballo de cura obreiro (o seu e mais o doutros compañeiros), dinos o seguinte:

“Dende logo, un tiña que procurar ser exemplar no traballo, coma un espello no que outros se puidesen mirar. Non por vaidade, senón por prestixio persoal e por exemplaridade de vida. Ser un traballador que fixese ben o seu traballo e que facilitase o traballo dos demais, é dicir, ser un bo compañeiro”.

Nos anos 1968/1969, durante os disturbios que levarían á declaración do estado de excepción, Bieito cóntanos que:

“Como consecuencia daquelas mobilizacións pasei polo Tribunal de Orde Pública, o famoso TOP”

Chega a Vigo no ano 1970, destinado oficialmente polos seus superiores relixiosos como “cura obreiro”. Foi así como entrou en 1972 en ASCON como montador (1974-1975) chegando a actuar nesta empresa como delegado sindical pola USO. O coñecido sindicalista Guillermo Fontán, declara sobre Bieito:

“Os que formamos equipo con Bieito durante moito tempo sabemos que o seu compromiso como traballador e sindicalista foi absoluto, sen quebras. É unha persoa cun alto sentido da xustiza….nunca usou da súa condición de cura para buscar recoñecemento ou calquera tipo de beneficio. Tiña moito recoñecemento porque o gañou. Era un traballador máis en todos os aspectos, alguén que, en todo caso, destacaba polo seu compromiso”

Conclúo co comentario final que lle fai o entrevistador a Bieito e coa resposta deste:

“- Para rematar quero citar unhas palabras de Quico Domínguez na homenaxe que recibiches da IOAC en Vigo no 2022: ‘Bieito é un dos rostros de Deus na terra’.

– Acepto iso que dixo Quico, porque creo firmemente que toda persoa de boa vontade é un rostro de Deus na terra”.

© Foto: Faro de Vigo

1 – Extracto do artigo publicado en Religión Digital o 12 de maio de 2024 polo filósofo e escritor Manuel Cabada Castro. Artigo completo en https://www.religiondigital.org/libros/autentico-pel-outros-Bieito-Santos-cura-obreiro_0_2667633234.html