Internet tenta dar resposta a todas as nosas dúbidas e problemas. A barra de Google recolle todas as nosas dúbidas, nas entradas da wikipedia buscamos algunha certeza. Lemos multitude de blogs ou, cando menos, ollámolos por riba, polo que moitos tentan captar a nosa atención, o noso tempo, o noso “clic” (que é o que a publicidade paga), prometéndonos toda unha serie de consellos, de trucos ou, o mesmo, pero inglés, de TIPS, que nos axuden a encher o oco do que estamos a buscar ante a pantalla.

E nesta sección, centrada na espiritualidade, non iamos ficar atrás, renunciando a dar un pouco de sentidiño ás nosas vidas. Así que nada mellor ca nos unir a esta modernidade de trucos que nos van axudar a mellorar -a resolver- as nosas vidas. E se falamos de espiritualidade, da túa, da miña, estamos a nos referir ao noso contacto con Deus. Quérelos saber? Pois aquí van 4 (CATRO) consellos para poder estar máis preto de Deus.

Quen se hospedará, Señor, na túa casa? Quen habitará na túa presenza?

  1. Quen anda rectamente e practica a xustiza; quen ten sinceridade no corazón.
  2. E non calumnia coa súa lingua; quen non lle fai mal a xente ningunha e non difama os veciños e as veciñas;
  3. Quen non quere saber nada coa maldade e apreza as persoas que aman ao Señor; quen non se vira no xuramento, aínda que sexa no seu dano.
  4. Quen non presta con usura o seu diñeiro e non se deixa subornar contra o inocente.

Quen así se comporte, nunca fracasará.

Para poder ser hóspede de Deus

De seguro que vos decatastes. Acabamos de reproducir o salmo 15 (14) presentado por Manuel Regal Ledo no seu libro Os Salmos hoxe. Unha versión oracional á luz do Evanxeo, como di no propio título. Cunha base, a salmista, escrita non se sabe con certeza cando (o máis seguro, antes do s. I aC), e cunha redacción de hai 5 anos, combina á perfección a lectura da Biblia e a súa meditación. Se hai un mes falabamos do zen coma xeito de vivir a espiritualidade, hoxe podemos compartir, grazas a Manolo Regal, unha oración feita poesía, interiorizada e comunicada, que mantén a tradición sen se converter en letra-ritual morta.

4 consellos para unha oración pegada á realidade

Son ben simples, que non por iso fáciles. A vivencia da espiritualidade parte du-nha práctica consciente da xustiza. Non hai espazo para a dicotomía espiritual-mundano, o espiritual é o espello, o reflexo do que facemos, do que dicimos, de como tratamos esas persoas coas que convivimos. Alguén que rezou, de seguro, este salmo moitas veces, un tal Xesús, viviuno na súa persoa e condensouno en dous mandamentos. Seino, sabemos a historia. Outra cousa é vivila.