Lume vin traer á terra: e que máis quería eu ca que xa estivese a arder! Hanme bautizar cun bautismo e xa me tarda a hora de que se cumpra! Pensades que vin traer a paz á terra? Abofé que non: vin traer división. Pois desde agora na casa onde haxa cinco, estarán divididos tres contra dous e dous contra tres. Estarán enfrontados pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra con nora e nora con sogra.

No domingo 14 de agosto, cando toca reiniciar o curso da nosa revista, leuse este texto de Lucas nas misas e celebracións da palabra. Difícil de abordar, con interpretacións moi variadas e mesmo contrapostas, unha pasaxe bíblica moi discutida desde que se ten coñecemento. Por que? Porque falar de arder, de lume e división.

Que veña a paz á nosa terra

Non podo ler isto sen que me veña o retrouso da canción á cabeza. Todo un clásico das celebracións! Pois as mesmas persoas que cantamos isto temos que facer fronte ao que nos conta Lucas. Como interpretalo? Pois depende, como non. Deixa que o texto resoe dentro de ti uns minutos. Aquí presentámosche dúas liñas explicativas. A primeira dinos que é o propio Xesús quen nos trae o lume, que é o mesmo Espírito. Non é un lume destrutor, nin feito para enxuízar á sociedade (tal como pregaba Xoán Bautista no deserto): é o lume do Espírito, a forza que nos move, e que é o que vai causar a división entre as persoas. Quen segue a Xesús non se dedica a enxuízar o próximo; é a súa propia vida, a vivencia da súa mensaxe, a que xera o xuízo. O seguimento de Xesús racha coa falsa paz da orde establecida. O Espírito crea uns vínculos con Xesús que son máis fortes que os da sangue.

Temos outra interpretación do texto que vai noutra liña: as palabras de Xesús enfróntanos a unha loita ao que nos tamén estamos chamados. Por unha banda, aquelas persoas que están con Deus, na busca do seu amor, que tentan vencer as paixóns desordenadas, nunha entrega total a Deus. Na outra, as persoas inimigas de Deus: quen se rexen polo egoísmo, polo pecado e polos malos instintos.

O nacionalismo cristián

Publicouse un libro en Estados Unido, “A bandeira e a cruz”, que ten un subtítulo que resume moi ben o seu contido: “O nacionalismo cristián branco e a ameaza á democracia americana”. Nel faise un achegamento ao fenómeno deste nacionalismo cristián que está tan en auxe nese país, e que se fixo moi evidente no final do mandato de Trump e no papel ideolóxico e mobilizador que xogaron no asalto ao Capitolio. É moi revelador, xa que os autores, sociólogos (e tamén cristiáns-protestantes), explican como iso que se deu en chamar o “dereito a vivir coma cristiáns”, o uso que se está a dar a termos relixiosos coma cristián ou evanxélico non son tal, senón que responden a indicadores de Identidade social máis que a unha convicción relixiosa. No fondo, estes cristiáns son persoas brancas que cren que están a ser reemprazadas por inmigrantes e minorías. E as inimigas non son en si as minorías, senón o que dan en agrupar coma “socialistas”.

O nacionalismo branco cristián é o concepto chave para entender o autoritarismo de dereitas nos EE.UU. Aúna os aparentemente incoherentes conceptos de libertarismo, racismo e autoritarismo, que se combinan nunha moral tóxica e nesa amalgama política que está, por exemplo, detrás do apoio a Trump.

Os autores conclúen que este nacionalismo cristián é unha ameaza para a democracia (que nos vai dicir para un país que viviu o nacionalcatolicismo), mais tamén para as propias igrexas, aquelas que din seguir a Xesús.

## Lume

Temos ante nós o reto de nos deixar abrasar polo lume e que isto nos leve, coma Xesús no seu tempo, non só a nos cuestionar a orde social inxusta en que vivimos, senón a crear un mundo novo. Mais tamén podemos, como fan moitas a un e a outro lado do océano, enfundarnos na bandeira, reivindicando os valores da familia (vaia paradoxo!) e o mantemento do privilexios da igrexa, comunidade ou grupo relixioso ao que pertenzamos.

Non queda outra que nos animar a volver á Boa Nova, sobre todo agora que hai nova versión da Biblia en galego.