Na cruz, Deus identifícase cos crucificados da historia e co seu sufrimento. Xesús morre como vivira: entregado aos demais, e ao anuncio do Reino, en mans do seu Pai, desde o amor e perdón, cunha dignidade admirable, pero vítima dos poderes inxustos nos que se estrutura o pecado. Na cruz, Deus ponse ao lado das vítimas. Neste sentido, tomar a cruz é optar por establecer relacións de amor recíproco e abandonar calquera actitude de dominio e triunfalismo, que leve a outros/as á cruz. Isto moitas veces implica conflitividade e sufrimento, pero un sufrimento sobrevido por causa da xustiza. É acompañar o sufrimento en calquera circunstancia e aceptalo só cando é irremediable. É ofrecer resistencia á inxustiza, ao egoísmo e á mentira e asumir as consecuencias dese combate profético, como o fixo Xesús. É combater o sufrimento evitable, é mancharse as mans e deixarse o corazón na transformación da realidade nunha terra nova na que habite a xustiza. É solidarizarse cos que sofren, acompañar na dor, infundir paz, serenidade e esperanza cando xa nada pode facerse desde un punto de vista humano.
A súa cruz visualiza o escándalo da maldade e a inxustiza en nós, entre nós e no noso mundo e obríganos a encaralo e combatelo e a vindicar a dignidade dos crucificados/as da historia. Ensínanos a mirar a realidade desde unha hermenéutica da sospeita e desde o punto de vista dos últimos/as. A cruz obríganos a preguntarnos sempre, tanto nas nosas prácticas como nos nosos discursos, como afecta cada discurso, decisión, práctica e orde social e política á dignidade das persoas, especialmente das máis vulnerables.