A primeiros do mes de setembro a Comisión Episcopal para a Doutrina da Fe da Conferencia Episcopal española fixo pública unha nota doutrinal titulada “A miña alma ten sede de Deus, do Deus vivo (Sal 42, 3). Orientacións doutrinais sobre a orientación cristiá”. Un documento co que pretenden “axudar as institucións e grupos eclesiais para que ofrezan camiños de espiritualidade cunha identidade cristiá ben definida (…)”.
Lexislando a espiritualidade
Hai persoas –entre elas, moitas católicas– que teñen o desexo de profundar na súa espiritualidade, unha ansia viva de encontro con Deus. A publicación deste nota amosa que a xerarquía decatouse desta realidade, amosando a súa preocupación polos métodos e prácticas espirituais que os fieis están a utilizar.
É significativo que esta preocupación pola espiritualidade por parte da xerarquía se materialice desde a comisión para a Doutrina da Fe: redactado por bispos (entre eles os de Tui-Vigo e Lugo), insiste reiteradamente entre o que é correcto ou non, católico ou non.
Pódese falar de espiritualidade desde o punto de vista da doutrina? Pode saciar a sede de espiritualidade das persoas, a sede da que fala o salmo, pódese enfocar desde as normas, desde os escritos?
De competencias e de relixións
Podo encaixar esta práctica espiritual na miña fe? É compatible este tipo de oración coa Igrexa? Estas son respostas que terá que dar a Igrexa, a xerarquía, se preferides, mais non son as principais preguntas que están detrás das persoas que se achegan ás prácticas e métodos de espiritualidades orientais.
A busca do encontro con Deus sobrepasa con moito os marcos das relixións institucionalizadas. Moitas nin tan sequera proveñen delas. Isto non vai de marcos, de etiquetas (católico, budista, zen, etc.), vai da busca de camiños para vivir en plenitude, o que comporta vivir a súa espiritualidade. A tradición ten un gran valor de referencia, mais xa non é unha fronteira para experiencia persoal da relación con Deus.
Onde a xerarquía presenta o problema dun posible relativismo ou sincretismo relixioso, as persoas buscan espiritualidade. Non é que estean errados: están a falar linguaxes diferentes, froito de preocupacións distintas.
A Igrexa, mestra de espiritualidade
“Cando o cristián ora, faino como membro do Corpo místico de Cristo que é a Igrexa”. A Igrexa é mestra de espiritualidade. E como non aproveitar, coñecer, andar polos camiños das grandes mestras e mestres espirituais que formaron e forman parte da Igrexa? U-las/os místicas/os? Se atendedes ás notas do documento, aparecen 20 mencións ao catecismo, 24 a papas, entre o que destaca Bieito XVI, 3 de Santo Agostiño, e só 2 de santas recoñecidas pola súa espiritualidade: Tareixa de Xesús e Tareixa do Neno Xesús. Por moito aprecio que lles teñamos a papas e redactores do catecismo, falar de espiritualidade sen beber deles é, cando menos, paradoxal.
Simplemente sentar
Simplemente sentar, zen, zazen, non é católico, mais tampouco non o é. Existen experiencias prologandas no tempo que así nolo testemuñan 1 . Indica o noso compañeiro Tori 2 no seu blog “Armonía en la diversidad” que esta nota é “unha crítica contra o progresivo e necesario diálogo interrelixioso” que se estableceu desde o Vaticano II e que eclosionou co actual papa. Así é, mais tamén denota a constante incapacidade por parte da xerarquía de establecer un diálogo dentro da propia Igrexa, con quen teñen xeitos diferentes de vivir a súa fe, a espiritualidade.