Chegado abril, o alumnado de historia de 1° de Bacharelato enfronta o tema da II Guerra Mundial. Encántalles, porque xa o coñecen. E non teñen ningunha dúbida ao compartiren a súa opinión: Hitler, Mussolini ou Hirohito son os malos da película. É importante que compartan a súa perspectiva ética, que reflexionen entre o ben o mal, mais tamén cómprenos que entendan que a historia, que é o que están a estudar, coma disciplina das ciencias sociais, non se dedica a discernir entre bos e malos, senón a coñecer e saber entender o contexto, as causas, o desenvolvemento e as consecuencias dos diferentes procesos e acontecementos históricos. E vale tanto para a Segunda Guerra Mundial ou guerra entre Rusia e Ucraína.
A Terceira Guerra Mundial
Moitas persoas falan de que estamos inmersos na Terceira Guerra Mundial. Mais ao ser tan diferente das dúas anteriores, posiblemente grande parte da poboación non sexa quen de se decatar disto. Pode parecernos mesmo sorprendente que o Papa Francisco fale explicitamente dela, manifestando que «está a xurdir (un conflito) global, con elementos moi entrelazados» o que provoca que «hoxe se declarara a Terceira Guerra Mundial».
a paz é posible cando calan as armas e comeza o diálogo
Nos tempos que vivimos, coa situación xeopolítica actual, é interesante observar o posicionamento de Francisco, ver como artella a Boa Nova e o seu papel no liderado xeopolítico mundial, que desde o bando das potencias occidentais presentan todo o conflito desde a total responsabilidade de Putin.
Nun panorama mediático tan marcado polos bos e malos, polos brancos e negros, Francisco sinala con claridade a brutalidade do conflito armado e do papel que están a xogar as tropas mercenarias utilizadas polos rusos. Mais non se queda só no propio conflito iniciado coa invasión rusa, senón que fala do “drama que se está a desenvolver detrás desta guerra, que quizais foi de algún xeito provocada ou non evitada”. Con todo, está co pobo ucraíno, destacando o seu heroísmo, falando de guerra sacrílega, e denunciando como son os que están a sufrir as consecuencias “dunha guerra de intereses globais, venta de armas e apropiación xeopolítica, que está a martirizar a un pobo heroico».
A paz coma camiño
Pregúntase o Papa que é o que lle pasa á humanidade que xa tivo tres guerras mundiais nun século. E respóndese que “hai demasiado odio e divisións, demasiada falta de comprensión do outro; isto, no mundo globalizado, resulta aínda máis perigoso e escandaloso”. E aquí somos nós quen nos podemos cuestionar, e nos preguntar se esta guerra, coma calquera das existentes da actualidade, nos atinxen directamente. Cal é noso papel? Como contribuír á paz?
Seguindo con Francisco, insístenos en que a paz non é mera ausencia de guerra, senón que só é posible a partir da fraternidade, e medra a través da loita contra a inxustiza e a desigualdade. Non é unha frase dun líder político de esquerdas, senón unha cita directa á *Gaudium et spes*. Pois aí estamos chamadas todas e todos, a construír unha convivencia pacífica, tan ausente un mundo onde medran os discursos do odio. A todas nós fica o pensar como podemos facer tanxible esa aposta pola paz nas nosas realidades diarias.
E sobre a guerra en Ucraína? “Non o esquezamos: a paz é posible cando calan as armas e comeza o diálogo”.