Comezamos 2023. E que mellor xeito que facelo polo principio, o día 1 de xaneiro, festividade de Santa María Nai de Deus.

Non sei se vos soa a expresión inglesa elephant in the room, que traducida viría a ser elefante no cuarto. O termo refírese a unha cuestión, problema, situación ou tema que é obvio para todas as persoas que coñecen a situación, mais que se ignora deliberadamente. Por que? Porque abordar esta situación causaría discusións, vergonza, tristeza, ou simplemente porque é un tema tabú. E claro, aínda que nos neguemos a afrontala, o elefante vai continuar dentro do cuarto, e non vai desaparecer por si só.

Complementariedade, igualdade e submisión

A Igrexa non valora as mulleres. Frase provocadora? Non, unha simple evidencia ao saber que lles veta a unhas persoas, polo mero feito de nacer muller, o acceso a exercer determinados ministerios, servizos e postos na Igrexa. E non é un detalle que se concrete simplemente nunha discriminación administrativa ou nunha estrutura organizativa obsoleta ou anticuada. Hai algo máis grave: fálanos de que estamos a proclamar unha visión de Deus que discrimina entre as persoas: os varóns, por unha banda, e a devalada, as mulleres. Mantéñense as concepcións masculinas de Deus, e aínda que se fala de que se pode revisar a linguaxe da Biblia para incluír unha redacción máis inclusiva, no fondo mantense unha estrutura masculina da Igrexa “porque Deus, Xesús, foi un home”.

O papel do home é seguir a Xesús. O da muller complementalo. Hai quen lle chama a isto igualdade, mais penso que mellor lle cadra o de submisión. Os homes, porque Xesús naceu home e os seus doce seguidores tamén homes, chamados a seren perfectos coma o “Pai” é perfecto, valorados na súa santidade. As mulleres, polo mero feito de selo, “asígnaselles” un papel, un rol. Non un home feito á imaxe de Deus, mais un Deus feito á imaxe do varón.

Non hai Deus sen María

1 de xaneiro, Santa María Nai de Deus. Comecemos por aquí. E abrámonos a realidade de que foi unha muller, María, a que tivo un contacto máis íntimo, máis directo con Xesús.

Moi ben por Paulo, Pedro, Santiago, Xan e pericán. Sen estes discípulos agora non estariades a ler isto aquí (mais tamén sen o grande número de discípulas mulleres que non gozaron da sorte de contar con ese espazo escrito nos Evanxeos). De aí a xustificar calquera estrutura organizativa partindo do principio que Xesús naceu bioloxicamente home, aparte de ser ridículo, é negar que Deus se fixo home, persoa, nunha muller, María. E igual que subiu os ceos, puido xurdir da nada, mais iso non é así, polo menos no cristianismo.

María é muller. Para que Xesús existise, para que se encarnase, tivo que pasar polo útero materno, ter un parto e ser alimentado pola súa nai. A vós de subestimar o seu papel, de darlle unicamente unha función instrumental, tal receptáculo da divindade ou incubadora de Xesús.

Non se trata de que Deus non exista sen María. Trátase de que Deus puxo unha muller, María, no epicentro da fe cristiá. Nós completámolo, non colocando no centro da nosa fe esa encarnación de Xesús en María, senón discutindo de virxindades, himes rotos ou non, ademais de defender imaxes masculinizadas de Deus Pai, do que nada sabemos.

Feliz 2023. Continuemos a reivindicar unha verdadeira sinodaliedade da Igrexa e mesmo un Vaticano III. Mais, coidado, que hai un gran elefante no cuarto.