Marzo foi un mes revolto. As mulleres feministas da Igrexa levantámonos baixo o lema Ata que a igualdade sexa costume. Alzamos a nosa voz e puxemos en marcha unha Revolta de Mulleres na Igrexa que resoou en Barcelona, Madrid, Valencia, Zaragoza, Sevilla, Frankfurt, Colonia, Lindburg, Munich, Zurich, Linz, Mumbai, Cincinati, Sidnei… Santiago, Bilbao e Granada programámolas para a fin de semana do 14-15 de marzo, pero o coronavirus saíunos ao paso e houbemos de pospoñer os actos.

Esta alerta sanitaria dá de cheo co lema das mobilizacións do 8 de marzo de 2020: sen coidados non hai vida. Os coidados sempre no centro das reivindicacións feministas.

Os coidados sempre no centro das reivindicacións feministas

Escribo e levo, coma todos, unha semana pechada na casa. Unha semana na que á histeria dos supermercados arrasados foi seguida da calma tensa de persoas que, como se escaparan da guerra, son interceptadas na estrada, camiño de segundas vivendas fóra das cidades. Será que as cidades non son o mellor sitio para vivir? A calidade de vida que nos brindan non é a mellor que poidamos pensar?

Eses burgueses mediocres fixéronme pensar nas persoas refuxiadas que foxen da guerra de verdade, a das bombas e as torturas, e que atopan as fronteiras sempre pechadas…

…e de repente vimos a necesidade dos coidados. Preparabámonos para guerras imaxinarias con inimigos poderosos e un bichiño, que nin sequera é unha célula, pon nun brete a todo o planeta, igualando a pobres e ricas, poderosos e escravos.

…e de súpeto nos demos conta da importancia de mirar para o veciño, de aplaudir as boas accións que coidan, as que dan vida… Eu sei que Virxinia Wolf está a sorrir dende o ceo, ela que soñaba con batallóns de enfermeiras caendo desde avións nos campos de batalla, impoñendo os coidados por riba das balas. Rirá vendo como os soldados cambian fusís por padiolas: a estratexia militar ao servizo das persoas desvalidas!! Nestes días estamos a aprender que o futuro está agochado nas mans de quen coida.

… e os CIE’s abríronse e deixaron saír aos inmigrantes pobres, que non poden ser retidos máis tempo do legal… porque os recursos do noso país tiveron que se poñer ao coidado dos cidadáns que de verdade os precisaban, e xa non había como soster os Centros de Internamento de Estranxeiros.

Hoxe na miña parroquia fixemos unha celebración da palabra en grupo de whatsapp. Máis de 70 persoas compartindo palabra e reflexión, medos e pregos, buscando que Xesús nos abra os ollos, como ao cego, (Xn 9, 1-38) para poder ver o mundo, tamén a liturxia, doutro xeito. E foi precioso, porque ao falarnos sen vernos todos eramos iguais. Recoñecemos e apreciamos as palabras, todas e cada unha, sen filtros nin discriminacións, porque non viñan cubertas da imaxe externa de cada persoa. Na nosa celebración houbo unha auténtica comunidade de iguais, a salvo de convencionalismos sociais e relixiosos. Por un momento, os filtros borráronse e todos celebramos desde o corazón.

E eu pregunto, que quedará de todos estes cambios e aprendizaxes cando o coronavirus, por fin, marche?