Lembro a primeira vez que escoitei esta frase. Naquel momento de seguro que me dixeron que estaba atribuída a Santo Agostiño, porque a min esas cousas da Antigüidade sempre me interesaban. Pareceume unha xenialidade, aínda que non a entendín en absoluto. Era unha frase redonda: tanto rollo tan ben condensado. E que non perdeu a súa pegada! Tan apropiada para acompañar calquera #, pensada para triunfar coma chío de Twitter. Véxome pensando moitas veces nesta frase ao longo da miña vida e observar, de maneira repetida, que o que inicialmente me parecera entre obvio e simple, resultábame imposible de desenvolver na práctica.

A Lei

Resulta que para os xudeus a Lei, a Lei de Moisés, era o máis sagrado, o centro da súa relixión. Había que cumprir plenamente coa palabra escrita, e Xesús venlles a falar do espírito que está detrás dela. Ao seu xeito, venlles a dicir que falan moito de leis mais que non as entenden, e que el está aquí para intrepretala: non para acabar con ela, senón para cumplila en plenitude. Doutores ten a Igrexa, e non precisamente cardiólogos, senón especialistas na “Lei de Xesús”. Así que eu, membro dun destes grupos de base da nosa igrexa, rapidamente vinculei a esta xerarquía que nos tocou vivir cos rabinos do s. I e a min, como non, nos que seguían a Xesús.

50%

Por moito que algúns irreductibles persistan,non se mantén de ningún xeito unha lectura literal da Biblia ou mesmo das normas que se foi dando a Igrexa ao longo dos seus 2000 anos de historia. Non me preocupa esta metade: coñecemos a lei. Preocúpame o outro 50%, o referido ao espírito da lei, esa xustiza que ten que ser mellor ca dos escribas e fariseos para entrarmos no reino de Deus. A plenitude que nos move é a busca do reino de Deus e da súa xustiza. E sei o lonxe que estou disto.

Falsas dicotomías

“Traballamos pola xustiza” é o lema de Cáritas. Unha institución, xerárquica e legalista coma a xerarquía que a preside, mais chea de persoas que actúan seguindo o espírito de Xesús. Nunca estiven tan próximo a entender en que consistía iso do espírito da lei, a construción do Reino, que as horas que compartín no CTC, do Departamento de Emprego Xuvenil da Cáritas Interparroquial de Santiago de Compostela. Ao longo destes últimos anos vivimos momentos onde se ensalzaron movementos rupturistas, desde o político ao eclesial, cargados de esperanza. Hai quen pon a esperanza en Constitucións e Concilios, que seguramente serán necesarios. Mais me pregunto se esa obsesión pola lei non nos estará a quitar tempo para vivila coma Xesús facía: desde a humanidade e a misericordia.

Domingo 16 de febreiro, Mt 5, 17-37