O vento sopra onde quere e ti séntelo zoar mais non sabes de onde vén ni para onde vai” (Xn 3,8)

O Espírito é o que ten, que sopra onde quere. A min me gustaría que resoase, aínda que fose mininamente, nesta Boa Nova, aínda que fose nese umbral imperceptible para os adultos e que só a xente nova percibe.

Como o Espírito é incontrolable, as persoas seguidoras de Xesús, xa desde o s. I, trataron de encauzalo e para isto xurdiron ás instucións, con maiúscula e en minúsculas. Parroquias e colexios están entre elas, a primeira procedente da organización medieval do territorio. Os segundos, malia que lle pese á xerarquía de aqueles tempos e algúns destes, é herdanza da Ilustración, que tamén nos trouxo ese tan “temido” relativismo.

Vigo: colexio e parroquia

Pasaba co coche pola rúa Sanjurjo Badía en Vigo. Eran ás 9:00 de mañá e xa me decatei inmediatamente que fora unha mala idea: asistín, detido tras unha fileira de coches, á entrada do alumnado do colexio máis grande de Vigo: o Apóstol Santiago (Xesuítas). Conta cun equipo humano orgulloso dos máis de 150 anos de historia e do seu proxecto educativo. Teñen adosada, nun lateral do recinto, a igrexa parroquial de San Francisco Xabier, que a principios deste curso escolar saltou aos medios de comunicación ao comunicaren os Xesuítas a súa saída e o onseguinte peche; ao mobilizárense a comunidade parroquial, con recollida de sinaturas incluída, contra este peche; e o acordo final entre os xesuítas e a diocese de Tui-Vigo para que esta a mantivese aberta, oración por futuras vocacións incluídas e pendente dos acordos de detalle sobre a xestión e mantemento económico.

Na rúa, na aula ou na igrexa

Que priorizamos? Neste mes de xuño tiveron lugar as ABAU: dos 21 mellores expedientes, 17 procedían de centros públicos. Que é entón o que leva ás familias a matricular ás nenas/os nestes centros concertados para a ESO e privados para o Bacharelato, co custo económico que supón? Excelencia académica? Proxecto educativo? Espiritualidade? No caso do Apóstolo Santiago, destacan o tema da excelencia académica, mais insistintono seu proxecto educativo a atención persoal, a comunidade e a profunda ética.

Na decisión dos xesuítas pesa máis un colexio que unha parroquia. Sería concebible que pecharan o cole e apostasen pola parroquia? Pode ser que pesase que nin de lonxe terían acceso a tantas persoas. Observamos nas dúas últimas décadas como coles relixiosos evolucionarion a centros rexido por laicos. É isto posible para unha parroquia?. Sen sacerdotes? A diocese prega por un futuro con vocacións!

Algo ten o sector educativo que fai que a Igrexa Institución e as múltiples congregacións se neguen a abandonalo. Xa non falemos da materia de relixión, que non ten sentido no mundo que vivimos. Será a importancia económica ou a influencia social que aporta? Entenderán que o Espírito terá máis posibilidades de soprar nas aulas que en igrexas e capelas? E para quen fican as rúas?