O verdadeiro ben común promóvese cando a sociedade e o goberno, acollen, protexen e integran aos máis fráxiles
Seguín con atención a importante crise que está a ter lugar nos Estados Unidos con motivo do inicio dun programa de deportacións masivas. A conciencia rectamente formada non pode deixar de realizar un xuízo crítico e expresar o seu desacordo con calquera medida que identifique, de maneira tácita ou explícita, a condición ilegal dalgúns migrantes coa criminalidade.
…O acto de deportar persoas que, en moitos casos, deixaron a súa propia terra por motivos de pobreza extrema, inseguridade, explotación, persecución ou pola grave deterioración do medio ambiente, magoa a dignidade de moitos homes e mulleres, de familias enteiras, e colócaos nun estado de especial vulnerabilidade e indefensión.
Un auténtico estado de dereito verifícase precisamente no trato digno que merecen todas as persoas, en especial as máis pobres e marxinadas. O verdadeiro ben común promóvese cando a sociedade e o goberno, con creatividade e respecto estrito ao dereito de todos, acollen, protexen, promoven e integran os máis fráxiles, desprotexidos e vulnerables.
Isto non impide promover a maduración dunha política que regule a migración ordenada e legal. Con todo, a mencionada “maduración” non pode construírse a través do privilexio duns e o sacrificio doutros. O que se constrúe a base de forza, e non a partir da igual dignidade de todo ser humano, mal comeza e mal terminará.
Exhorto a todos os fieis da Igrexa católica, e a todos os homes e mulleres de boa vontade, a non ceder ante as narrativas que discriminan e fan sufrir innecesariamente os nosos irmáns migrantes e refuxiados. Con caridade e claridade, todos estamos chamados a vivir en solidariedade e fraternidade, a construír pontes que nos acheguen cada vez máis, a evitar muros de ignominia, e a aprender a dar a vida como Xesucristo a ofreceu, para a salvación de todos.