Vivimos tempos revoltos, nos que comunidades e familias non se poden reunir tanto como quixeran. Parece que este ano non imos poder sentar á nosa mesa a toda a familia ancha, nin cantar e celebrar en cotillóns, en pendellos, nas rúas, nos bares,.. Hai un virus no ar que nos está a mostrar as nosas debilidades.
Pero este virus que nos impide xuntarnos tanto como quixeramos tamén pode ser unha oportunidade para celebrar dun xeito novo o Nadal na casa. A pandemia dános unha oportunidade para deixar de lado o que tantas veces criticamos: o Nadal como festa dedicada ao consumo, os fins de ano amnésicos, as cabalgatas de Reis como atrofia consumista da ilusión de nenas e nenos, etc.
É tempo de ensaiar novas liturxias, máis centradas no que de verdade importa: a esperanza.
É tempo de ensaiar novas liturxias, máis centradas no que de verdade importa. Nadal é unha festa óptima para a celebración na casa porque celebramos un nacemento e iso é algo que acontece no seo do fogar, no corazón da familia e das persoas. Por iso vos propoño que, con ritos sinxelos, deamos fondura e esperanza nas nosas casas a este atípico Nadal. Aproveitade para ensaiar novas liturxias que nos dean esperanza. Parade a escoitarvos e inventade con sinxeleza novas formas de estar na festa. Aquí van unhas sinxelas propostas:
En Noiteboa celebramos o nacemento de Xesús: unha nova oportunidade para a Humanidade. Antes de cear, facede reconto da familia e amizades e facédevos presentes para quen vaia estar so ou soa. Se os hai, facede a nenas e nenos os protagonistas da noite. Poñede o Nacemento no medio da mesa na que ides cear: o neno Xesús, Xosé e María. Lembrade que as cousas boas da vida se cocen na familia. Antes de empezar a comer cantade unha (ou dúas) panxoliñas todos xuntos, arredor da mesa co Belén. Prendede candeas nomeando ás persoas que están lonxe e que non nos acompañan fisicamente, pero que facemos presentes coa luz. Unha chamada de vídeo neste momento pódeas facer participar desde a distancia.
Nun momento da cea, preparade un brinde no que recordemos ás persoas queridas que non están e tamén ás que están nos hospitais nesta noite, tanto doentes coma coidadoras. Alzade os vosos vasos e brindade sabendo que Deus está con elas. E cantade, porque quen canta os seus males espanta.
En Ano Vello preparade a cea poñendo pequenos detalles de esperanza debaixo de cada servizo da mesa. Poden ser tarxetas de cores, debuxos ou felicitacións: calquera cousa que caiba debaixo dun prato. Despois de cear collédevos das mans, pechade os ollos e cantade unha canción de esperanza. Pedide desexos que enchan de esperanza o ano que vai vir. É probable que non vaia ser mellor que o que estamos a deixar, así que temos que coller forzas. Cando todas as persoas teñan expresado os seus desexos, levantade os pratos e abride as tarxetas. Ás 12 da noite, facede o rito das badaladas e as uvas, brindando por un novo ano no que non falten a alegría e a esperanza.
Cantade e bailade nas vosas casas. Facede delas un espazo de festa e xogo porque temos por diante un ano incerto que non por iso pode deixar de ser feliz.
…e para a Festa dos Reis? Podedes inventar algo vós, que seguro se vos ha dar ben!!
Bo Nadal!