Xa se achega de novo a Semana Santa. Busco en internet e atopo que cae entre o 10 e o 17 de abril, vexo a páxina da wikipedia, preséntaseme o tempo previsto para estes días ou mesmo podo acceder a webs de turismo.
Semana Santa, vacacións, amizades cos seus plans de escapada, rachar coa monotonía ou mesmo saír para deixar a COVID coma algo do pasado.
Resurrección, desconexión e conflito
“Desconectar” un pouco da rutina e aproveitar eses días festivos, facer unha “escapada”. Preséntanseme uns días para facer planes, que para nada inclúen o tema relixioso.
Semana Santa é un momento de celebración, do acontecemento central da nosa fe cristiá: resurrección de Xesús. É un texto de J. M. Castillo quen mo lembra, onde tamén indica como esta experiencia deixou de ocupar o centro da vida das persoas crentes, máis interesadas por outros aspectos da relixión: a paixón do Señor, a devoción da Virxe o dos santos, determinadas prácticas relixiosas, etc. E con estas tampouco me sinto identificado.
Teño que buscar que significa para min hoxe a resurrección, ese misterio que é central no seguimento de Xesús. Seguindo ao propio Castillo é optar, comportarse, vivir, de tal xeito que lle deamos razón a Xesús, á súa vida, ou me comportar como aqueles que o asasinaron. E nesta disxuntiva non hai moita escapatoria. Xesús foi perseguido e asasinado por defender ao seu humano, por pórse ao lado das persoas pobres. E nesta opción de vida está implícito o conflito.
A cruz: por que morre Xesús e por que o matan
A Semana Santa, esta en concreto, é un bo momento para volver sobre estas preguntas, para ver que nos din a cada un de nós.
Pertencen a un artigo de Ignacio Ellacuría, publicado en 1977 e que toman, visto a súa vida, unha dimensión inspiradora e profética. Retomemos as súas conclusións.
- Xesús foi asasinado polo seu anuncio do Reino de Deus. A súa mensaxe, a súa vida, era unha ameza para a orde social, política e económica establecida. Foron os poderosos quen acabaron con Xesús, e 20 séculos despois con Ellacuría e os seus compañeiros.
- Xesús non predica un Reino abstracto ou fóra deste mundo, senón que o leva á práctica na súa vida, polo que entra en conflito cos poderes do seu tempo.
- As persoas que se xuntaron en comunidade tras a morte de Xesús, entenderon que a súa experiencia de fe estaba ligada á vida concreta de Xesús, ao que fixo e ao que predicou, que foi morto e crucificado, pola súa oposición ao mundo do seu tempo.
- A fe verdadeira está fundamentada no seguimento esperanzado de Xesús. A fe na resurrección é a que fai a unha persoa cristiá, e esta non pode separararse da vida concreta de Xesús.
- A conmemoración da morte de Xesús, a Semana Santa, non se realiza simplemente unha celebración cultual e mistérica, nin nunha vivencia interior da fe, senón que debe seguir na nosa vida os pasos dunha persoa que foi morta violentamente por quen non aceptaron os camiños de Deus.
- Non é posible unha Igrexa onde non se presente, non se viva, a resposta a estas preguntas: por que morre Xesús e por que o mataron.
- A vida de Xesús non finalizou coa cruz.