A conversión dos liderados

Sempre se nos dixo que a coresma é tempo de cambios, de revisión e de conversión. As mulleres na Igrexa estamos en revolta coa idea de que se produza unha fonda revisión dos modos eclesiais de xestión da autoridade, de sacramentalidade, de poder,… pois seguimos crendo que outra igrexa é posible, que entre as cinzas aínda hai brasas de lume novo. Pero esa revisión ten que empezar por nós mesmos. Agora que estamos a vivir fondas crises de liderados tanto na Igrexa coma na sociedade, cómpre revisar como exercemos e asumimos os liderados nas nosas comunidades.

É preciso mirarnos cada un para si, e ver onde nos colocamos cando estamos nos nosos grupos: na suficiencia?, no orgullo?, no desánimo?, no rebaixamento?, na comodidade?

Cada un ten que mirar para si e ver que tipo de relación mantén cos liderados e a forma de exercelos

Precisamos ver tamén que tan tolerantes somos coas formas de organizarnos que temos, porque igual estamos soportando comportamentos e dinámicas que non nos constrúen. É urxente buscar as nosas eivas como grupo e tentar reforzar aquilo que sabemos facer ben. Cada un ten que mirar para si e ver que tipo de relación mantén cos liderados e a forma de exercelos: prefiro que unha persoa “faga todo” para eu non ter que facer nada?, critico o que fan outros dende a miña atalaia, sen botar unha man? escúdome na falsa modestia do “eu podería facer pero hai quen sabe máis ca min”? espero calado a que pasen estes tempos de crise e a ver se logo dá vido algo mellor?

Se non son quen de valorarme a min mesma, coma membro activo na comunidade, se non creo nas miñas/nosas propias posibilidades e o deixo todo en mans “de quen sabe porque xa o fixo sempre” non chegaremos a experimentar novidade.

Non canso de repetilo. Fan falla liderados compartidos, circulares. Uns liderados que teñen moito que ver coa sinodalidade da que tanto estamos a falar na Igrexa. Esa sinodalidade que lle estamos a pedir á nosa Igrexa, nomeadamente aos nosos gobernos eclesiais, temos que empezar por practicala nós. Non podemos pedir o que non damos. Se nas nosas comunidades non nos sabemos tratar con valoración e respecto, cortando o paso a quen quere exercer de déspota, a quen impón os seus criterios por riba dos dos demais, se non somos quen de dar un paso adiante cando fai falla para botar unha man, se non valoramos o noso propio saber e traballar e o poñemos humildemente a disposición dos demais, se non botamos man daquilo que nos fai sentirnos vivos e nos deixamos durmir esperando que nos arrastre a corrente do cambio, se descoidamos a atención e non poñemos os ollos nas persoas que menos se valoran para animalas a construír xuntas,… Como lle imos esixir aos nosos gobernos eclesiais o que nós mesmos non somos quen de facer?

Nas nosas comunidades non precisamos heroes, nin mártires, nin mestres subidos nunha palestra a falar. Precisamos calar, e escoitarnos, e vernos por dentro para conectar desde o noso interior coas necesidades e urxencias, as propias e as alleas. So a verdade nos fará libres. So a humildade de recoñecernos parte de algo maior nos dará medida do propio valor.