Esperarei

Esperarei a que medre a árbore
e me dea sombra.
Pero estercarei a espera
coas miñas follas secas.

Esperarei a que brote o manancial
e deite auga.
Pero despexarei o meu leito
das memorias enlamadas.

Esperarei a que apunte a aurora
e me ilumine.
Pero sacudirei a miña noite
de prostracións e de mortallas.

Esperarei a que chegue
o que non sei e me sorprenda.
Pero baleirarei a miña casa
de todo o enquistado.

E ao estercar a árbore,
despexar o leito,
sacudir a noite
e baleirar a casa,
a terra e os queixumes
abriranse á esperanza.