Servizos Koinonía
Con que visión, con que teoloxía poderiamos confrontar a presente situación do mundo?
As relixións son indispensables para superar o momento presente da Humanidade
Estes poderían ser algúns principios mínimos básicos que poderían facer posible que as Relixións poñan xuntas as súas enerxías ao servizo da salvación do Planeta e da Humanidade mesma, nunha Alianza de Civilizacións e Relixións en favor do Ben Común da Humanidade e do Planeta:
- As relixións deben abandonar a expresión e o concepto de “a única relixión verdadeira”… porque todas elas o son.
- As relixións son dons de Deus á Humanidade para profundar a nosa calidade profunda como seres humanos, de forma que nos leven a plenitude a nós, á Vida e ao Cosmos do que somos parte.
- As relixións deben recoñecer que son tamén creacións humanas, misteriosamente elaboradas polos nosos devanceiros, e nese sentido, realidades limitadas, imperfectas, que necesitan ser tratadas con comprensión e melloradas cun xeneroso esforzo crítico, con humildade e agradecemento.
- As relixións deben descubrir agradecidas que xa non hai un Pobo Elixido… porque todos son Pobos moi amados de Deus.
- As relixións deben superar o seu propio complexo de superioridade relixiosa, como un antigo pecado, propio de tempos xa pasados.
- As relixións aceptan, estremecidas de gozo, a inabarcable diversidade relixiosa e comprométense a apreciar, protexer e reverenciar tal diversidade do sagrado.
- As relixións deben esforzarse por renunciar ao proselitismo. Van establecer vínculos entre elas e canles de comunicación e enriquecemento mutuo. A nova “misión” da que as relixións son conscientes, non vai tratar de converter ao outro facéndolle cambiar de relixión, senón de axudarlle a asumir máis autenticamente a súa propia relixión.
- As relixións veneran a Realidade Última, que pode ser chamada con moitos nomes, aínda que ningún dos cales lle resulta apropiado. Ningunha relixión vai concibir xa esta Realidade Última como un deus tribal, propio da súa raza, pobo ou cultura… Todas as relixións van superar a súa antiga imaxe tribal de Deus.
- As relixións coinciden na chamada Regra de Ouro: tratemos os outros como gostariamos de ser tratados. Esta regra vale, tanto respecto dos individuos, canto dos pobos e das relixións, así como da súa coexistencia pacífica no medio da enteira Humanidade.
- Esta Regra de Ouro abraza tamén a Vida, a Terra, o Planeta mesmo, nesta hora de crise que esta atravesando actuamente. Salvar a Vida, a Humanidade e a Terra como un todo é a meta suprema á que neste momento histórico deberían adherirse.
Estes principios poden constituír a Visión, a teoloxía que necesitamos para afrontar os desafíos que a Terra confronta. As relixións son indispensables para superar o momento presente da Humanidade. As relixións poden e deben axudar a constituír a Alianza de Civilizacións e Relixións para o ben común da Humanidade e do Planeta.