Lembro unha misa, un 15 de agosto, onde un vello misioneiro se dispuña a dar a homilía sobre a Asunción de María. Foi ben curta: “Moito se discutía sobre a conveniencia ou non de declarar a Asunción de María coma dogma. Ese 1 de novembro de 1950, cando Pío XII o proclamou, saín á rúa e chovía en Londres”. O 24 de maio de 2015 o papa Francisco publicaba a encíclica “Laudatio, Si”. 5 anos despois, en medio dunha semana de celebracións sobre o documento, podemos dicir algo máis que o marabilloso tempo primaveral dese domingo.
Ouvir o clamor dos pobres e o clamor da Terra
Se por algo destacou esta Encíclica, o considerado documento máis importante de Francisco, é por fin a Igrexa católica pronunciábase por algo que realmente importa: a urxencia da crise ecolóxica e a busca dun futuro máis sostible para toda a humanidade. Moito se insiste nestes días de pandemia o carácter profético da Laudato, Si. Todo está interligado, e isto inclúe a ecoloxía, a sanidade, a economía e o desenvolvemento sostible. A COVID-19 parace que lle dá razón a Francisco e as súas preocupación. Dise mesmo que as súas palabras son unha profecía e un camiño que nos desafía profundamente, buscando un cambio produndo, cultural e económico. Pode ser, mais profecía é tamén falar do que realmente importa a nosa humanidade.
Louvar e dar as grazas
A Encíclica non é unicamente unha chamada á conversión ecolóxica, “ao coidado da casa común”. É unha louvanza, como o seu propio título indica. E non debemos ficar unicamente no agradecemento de que a Igrexa se ocupe do que realmente importa, senón agradecer, aínda que desde o noso país nos pareza afastado, dos grandes pasos que se deron neste lustro: – A creación do Dicasterio para o Servizo do Desenvolvemento Huamano Integral (2016), onde se agrupou os temas relativos a migrantes, vítimas desastres naturais e conflitos armados, doentes e excluídos, prisioneiros, desempregados e vítimas da violencia e da tortura, boa proba desa aposta porque todo está interligado (LS 91). – O impulso dos movementos xuvenís polo coidado da casa común (2018), desde onde se propuxeron campañas contra a industria fósil e a favor das enerxías renovables. – O Sínodo da Amazonia (2019), onde entre outros moitos “espiñentos” aspectos, incorporou o concepto de pecado ecolóxico, presentou un novo modelo para a Igrexa e para a sociedade, pondo como exemplo para a mundo aos pobos indíxenas. – O impulso da Celebración Ecuménica do Tempo da Creación, unha aposta polo diálogo interrelixioso, co tema da ecoloxía e da fe de fondo.
Unha chamada a todos nós
A encíclica, por moi boa que for, é un simple documento. Mais é unha chamada a cada un de nós, a unha conversión ecolóxica. Está a realidade macroestrutrural, comunitaria, mais todo parte dunha experiencia individual. A relación que nós, cada un, coma ser humano, temos coa casa común. Somos nós mesmos a Terra, somos parte da Creación. Aproveitemos esta semana de celebración, 5 anos despois, para nos lembrar que estamos chamados a coidala, non porque o teñamos que facer, senón porque somos parte dela.