Pero o doutor da Lei, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:
— E quen é o meu próximo?
Xesús, replicou:
—Dunha vez un home baixaba de Xerusalén a Xericó, e asaltárono uns bandidos, que, despois de o roubaren e bouraren nel, deixárono medio morto…..

(Lucas 10,29..,)

Preocúpame o rumbo que tomou este mundo: auxe de movementos racistaRs, discursos de odio cara aos inmigrantes, polarización social e política, incremento da carreira armamentista, dirixentes políticos e financeiros prepotentes con pretensións de dominar o mundo, corrupción, utilización da mentira a través das redes sociais para controlar as masas, violación dos dereitos humanos, perda de valores éticos, destrución da natureza…

Dóeme o sufrimento da humanidade, a pobreza extrema, a fame de moita xente, a violencia, o criminal xenocidio en Palestina (Gaza e Cisxordania), as guerras en Líbano, Ucraína, Etiopía, SudáTn, O Congo…, a morte de migrantes nos desertos e nos mares. Dóeme o sufrimento de tanta xente inocente, sobre todo nenos e nenas, mentres outros, os Herodes de hoxe, que todos coñecemos, séntense donos das vidas humanas e das riquezas do Planeta.

No silencio da escuridade trato de seguir a Xesús. E propóñome non angustiarme pola situación que nos envolve. Todo pasa. Só Deus permanece. Vivimos no seu corazón. Más aínda, somos parte de Deus. Confío nel, con máis motivo canto máis aflixido e débil me sinto. El acéptame e ámame como son. Ámanos a todos como somos. Ama este mundo. Enviou ao seu Fillo para darnos vida, vida en plenitude. E Xesús deixounos a misión de construír un mundo novo onde haxa vida digna para todos.

Deus non nos mira como un xuíz senón como un Pai e Nai compasivo e misericordioso. Acolle a esta humanidade con compaixón e misericordia. Deus todo o fai novo. Este mundo cambiará. Por iso, teño a esperanza de que a luz brillará trala escuridade.

No medio desta dor trato de non perder a serenidade. No medio das correntes de odio ao diferente, do sufrimento provocado polas guerras, das bágoas, o caos e a escuridade, vivirei sen que a realidade que nos rodea me altere, porque Deus non pode fracasar. O seu amor é infinitamente máis poderoso que os nosos erros. No medio desta situación seguirei facendo o que poida, comprometéndome na medida das miñas posibilidades na defensa e servizo dos máis vulnerables e na loita por un mundo de paz e fraternidade. E, por encima de todo, vivirei cunha actitude de confianza plena en Deus.

Fernando Bermúdez López – Licenciado en medicina e teólogo. Membro de Amnistía Internacional, dos Comités Óscar Romero, das CCP de Murcia e da Comisión diocesana de Xustiza e Paz.
© Foto: Faro de Vigo