É incompatible o seguimento de Xesús e pertencer á Igrexa católica? Hai algúns anos estiven presente nunha animada discusión entre o superior dunha orde relixiosa e un dos seus membros, un sacerdote que traballaba nunha zona rural. Contáballe o primeiro un caso doutro sacerdote da mesma congregación que tiña un enfrontamento, público mesmo, co seu bispo. Ao ser membro dunha orde tiña algo de autonomía fronte á acción da xerarquía da súa diocese. Este crego estaba en total desacordo coa liña seguida polo seu bispo, un digno representante dos tempos de Xoán Paulo II, e non se cansaba de repetir, para quen quixer escoitalo, que el non traballaba para o bispo, senón que traballaba polo Reino. O superior da orde, cun ton moito máis imperativo que didáctico, intentaba explicarlle a estoutro crego que estabamos ante unha falsa escolla e, sobre todo, que non ía permitir que se volvese a repetir: o seguimento de Xesús só era posible seguindo as directrices do seu bispo.

Busca exemplos onde sintas que non podes compartir os postulados da Igrexa

Moitos nos sentimos representados nesta historia, sen necesidade de pertencer ao clero nin a ningunha congregación relixiosa. Non é que vexamos unha certa distancia entre os postulados da Igrexa, emitidos pola xerarquía eclesiástica, entre o que entendemos que é o seguimento de Xesús e o papel que xoga a Igrexa no mundo, senón que o chegamos a ver como algo totalmente incompatible. Poñede vós os exemplos que vos fan sentir que non podedes asumir os postulados da Igrexa.

Nunha das lecturas de verán atopeime cunha reflexión que me sorprendeu, non só pola data, xaneiro de 1963, senón polo seu autor, Thomas Merton. Este coñecido monxe de clausura, tras dúas décadas de vida no mosteiro trapense de Gethsemani, escribía isto. Posiblemente esta dicotomía que poidamos sentir, que esteamos a vivir, nin é tan nova nin tan particular.

17 de xaneiro de 1963
A grande proba de fidelidade na vida cristiá: unha proba que nace do feito de que identificamos (na Igrexa Católica) demasiado a fidelidade a Deus e a fidelidade á organización externa da Igrexa católica. De aí que esteamos invariablemente ante unha gran proba, sempre que apareza un conflito evidente (e isto acontece facilmente). Hai momentos onde nos parece que a fidelidade a Deus non é compatible coa mera obediencia a unha norma externa, onde a fidelidade a Deus esixe outra cousa: certamente non a revolta nin a desobediencia, senón unha presentación de puntos de vista alternativos e máis profundos.

Unha “fidelidade” que sempre esixe o sacrificio do interior e máis perfecto se para axustar a unha norma externa mediocre e que require de nós só pasividade e inercia é unha infidelidade para Deus e para a súa Igrexa. Porén, ao mesmo tempo, non debemos facer da autonomía un fetiche e sermos “fieis” unicamente á nosa vontade porque este é o outro xeito de infidelidade.

A resposta está en considerar a Igrexa non tanto como unha organización, senón como un corpo vivo de liberdades interrelacionadas. A fidelidade non pertence tanto ao ámbito da lei como ao reino do amor. Mais isto presupón obediencia e autosacrificio.

Merton, Thomas. Diarios (1939-1968). Editorial Mensajero, 2014; pp. 201-202.