Quen non se achega á Biblia, e mais en concreto ao Novo Testamento, coa intención de dar un pouco de luz a isto que damos en chamar “seguimento de Xesús”? Non é fácil atopar respostas, mais non será porque a mensaxe non apareza clara. Foi o propio Xesús quen resumiu a Boa Nova nunha frase: “Amarás o Señor teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, toda a túa forza e con todo o teu entendemento, e o próximo coma a ti mesmo.”

A lectura da Biblia establece un diálogo con nós mesmos. Cada quen terá unha pasaxe que lle resoará dentro, mesmo diferente segundo os diferentes momentos da súa vida. Eu non podo máis que verme invitado a responder unha simple pregunta: “E vós, quen dicides que son” (Mt 16,15; Mc 8, 29; Lc 9, 20).

Por un cristianismo posteísta

Circula pola rede un manifesto titulado “Por un cristianismo posteísta”, asinado entre outras persoas por José Arregi, do cal xa falamos aquí no 2019, ou por José María Vigil, ao que tivemos o pracer de entrevistar na súa visita a Vigo en 2008. Moito de que falaron daquela preséntase máis sistematicamente neste documento, que parte da realidade de moitas persoas cristiás que “se atopan incómodas cos contidos da súa fe”.

É unha proposta arriscada, difícil, mais necesaria. Anímannos a repensar as nosas crenzas, a cuestionar as verdades absolutas das relixións, o noso propio concepto de Deus e de Xesús, co convencemento de que outro cristianismo é posible e necesario, liberando a Xesús da sacralización coma Fillo de Deus único, ese xudeu da especie Homo Sapiens, para acabar construíndo un relato máis universal. Un manifesto que pretende acompañarnos nese camiño onde repensamos crenzas tan arraigadas.

Desfacerse da idea de Deus construída pola ser humano

Non se pretende un cuestionamento da Igrexa institución, nin de buscar modelos alternativos de funcionamento, tal como propuxera o movemento Somos Igrexa. Non dá solucións, senón que abre moitos cuestionamentos

Pártese dun cambio radical de paradigma: o concepto de verdade mudou, mesmo a crenza cambiou, deixando de ser dogmática para interpretarse en termos de relato. Aquí a Biblia xogaría o papel de texto esperanzador, inspirador, mais nin sagrado nin detentador da verdade revelada. Ningunha relixión é superior ao resto e todas teñen sentido porque camiñan cara a unha supraética da compaixón.

Cómprenos repensar a figura de Xesús, liberándoo o relato dogmático creado, no seu marco cultural, pola comunidade de seguidores nos primeiros séculos da nosa Era.

Non é unha proposta sinxela, xa que o posteísmo esixe desfacérmonos da idea de Deus construída polo ser humano, pondo fin a unhas concepcións da divindade e as relixións que emerxeron con elas desde a Idade dos Metais.

Para que ler, pois, o Evanxeo? Para responder a unha chamada aos valores universais, non a crear identidade relixiosa concreta superior, no noso caso o cristianismo.

Cheguemos as conclusións que cheguemos sobre o manifesto, podemos cando menos concluír coma eles: “A nosa misión é ser copartícipes da evolución creadora, inspirados en Xesús de Nazaret.”

http://www.redescristianas.net/wp-content/uploads/2021/09/POR-UN-CRISTIANISMO-POSTE%C3%8DSTA.