José Arregui, teólogo, profesor universitario xubilado e colaborador habitual de publicacións coma Atrio ou Fe Adulta, estivo na parroquia de Coia (Vigo), con motivo das xa consolidadas “Charlas de Coresma”, o que aproveitamos para presentarvos uns apuntamentos sobre o que alí expuxo.
Tempos de éxodo, tempos de graza
Vivimos nun tempo de éxodo, polo que precisamos unha espiritualidade apropiada, de éxodo.
Un tempo de éxodo, un tempo de graza. Éo, hai que miralo así e facer que este, que estamos a vivir, sexa un tempo de graza.
Son tempos novidosos. Non estamos nun tempo de mudanzas, senón nun cambio axial do tempo.
Vivimos nun tempo de transición e éxodo, adentrámonos cara ao descoñecido, temos un camiño que hai que ir trazando e unha terra por descubrir.
Hai un éxodo no campo do saber. Un crecemento exponencial do coñecemento, do saber, da información. A conciencia do que sabemos é maior ca nunca, mais a inseguridade tamén. Fainos máis vulnerables e inseguros.
Transitamos unha economía en éxodo, un modelo capitalista baseado no lucro, sen rumbo, extraviado, sen ética e insostible.
Asistimos a mareas de xente en éxodo forzado, máis de 250 millóns de migrantes, por motivos económicos e políticos. Sobre todo, o que os expulsa é a violencia da economía.
A Nai Terra está en éxodo, cunha situación ecolóxica límite, cun comportamento humano suicida.
A especie humana atópase en éxodo. Fálase do transhumanismo. Alteracións xenéticas, cun horizonte insospeitado. A nosa especie esta saíndo de si mesma, mais cara a onde?
Espiritualidade do éxodo
Que espiritualidade para tempos de éxodo? Unha espiritualidade “de sempre”, mais non vinculada necesaria nin imperativamente a unha relixión ou o paradigma relixioso tradicional. Mais tampouco a unha imaxe de Deus!
A espiritualidade é unha grande urxencia cultural: estámonos a xogar o ser ou non ser unha comunidade humana planetaria. Sexa ou non sexa relixiosa.
É o grande desafío deste tempo: coidar a espiritualidade como se coida da respiración.
Mais que espiritualidade?
- A que nos permite entrar en si para poder saír (Mt 6,6). Orar é ser a fondo. Facer silencio, non só de ruído exterior, senón tamén das emocións que nos pertuban. Entrar na fondura dun mesmo para nos liberar das cadeas interiores que nos atan, coma condición imprescindible para poder abrirse, saír dun mesmo.
- A que nos permite saír de si para poder entrar. Un saír que non é afastarse da realidade ou das feridas do noso próximo. É a espiritualidade do Samaritano que se detén, baixa da súa cabalgadura e inclínase, que se compadece. Saír é condición fundamental para poder entrar no seu propio ser. É a que che permite saír do teu ego e ser completamente esa compaixón samaritana.
- A que nos permite abrir fronteiras ás persoas que tiveron que abandonar a súa terra. “Coida o emigrante, porque emigrante fuches ti”, di o Éxodo. Abraham, Moisés, Xesús, foron emigrantes. Todo fomos emigrantes. Non só é o lugar onde vivimos a espiritualidade, senón que é o que nos permite ver a calidade da nosa espiritualidade.
- É a que nos permite saír en Deus cara a Deus. “Nel vivimos, movémonos e existimos”. Deus non é un ente exterior, separado, que intervén cando quere. A espiritualidade é saír cara ao misterio que supera todas as imaxes, todas as categorías: o TRANSTEÍSMO. Unha espiritualidade alén de categorías e imaxes relixiosas. Un tempo para crer con outras imaxes, outras categorías.
- É a que nos leva a contemplar todo en Deus e a Deus en todo.
É o grande desafío deste tempo: coidar a espiritualidade como se coida da respiración.
José Arregui na parroquia de Cristo da Vitoria
Figuras para unha espiritualidade de éxodo
Abraham
É a figura simbólica do crente, do ser humano en éxodo cara a dentro e cara a fóra.
A súa historia comeza con estas palabras: “O Señor díxolle a Abraham: Vaite da túa terra, da túa patria, do teu clan, á terra que eu che hei amosar”. E un pouco máis adiante dísenos que se puxo en camiño, conforme lle dixera o Señor.
Fálalle dicindo que deixe a súa cultura, a familia, todo o coñecido, cara a algo que El lle vai amosar. Todo novidade: un éxodo que pode conducirnos cara ao extravío ou cara á terra común.
Símbolo do emigrante en éxodo permanente, dise: “Plantou, alzou a tenda; residiu coma emigrante”. Por iso os israelitas, no momento que ofrecían as ofrendas no santuario, comezaban a orar así: “Meu pai era un arameo vagabundo”.
Moisés
É o profeta do Éxodo liberador.
E a súa historia resúmesenos en cinco saídas, en cinco éxodos:
- A primeira, cando ve os seus irmáns, atópase coa realidade do seu pobo e comezou a se atopar coa súa propia realidade (Éx 2, 11). Mata a un exipcio que batía nun xudeu.
- A segunda, ao día seguinte, cando atopou a dous hebreos discutindo: os seus irmáns en conflito.
- Moisés foxe, cando sabe que se descubriu que matara ao exipcio. É a terceira saída: foxe do Faraón. Convértese en emigrante e refuxiado no país de Madián (Éx 2, 15). Casa e ten un fillo, a quen lle vai pór de nome Guerxom, dicindo “son emigrante en terra allea”.
- En terra extranxeira, Moisés vai coñecer, vai atoparse cara a cara co misterio do infinito, coa silveira ardente. Atopa o misterio fóra da terra e da súa relixión.Aquí prodúcese a cuarta saída, cando é enviado ao Faraón para ir liberar o seu pobo da opresión, cando o infinito innombrable revélalle o seu nome, “Eu son o que son”.
- E a quinta saída é a do pobo, e Moisés con el, camiño da terra prometida.
A figura de Moisés resúmese no mandamento ético de Israel: “Non deixarás o emigrante. Coñecedes a sorte do emigrante, porque emigrantes fostes vós en Exipto”, que se transmitirá a normas no Levítico e no Deuteronomia.
Xesús
Pasou a vida facendo o ben, palabras coas que Lucas resume a súa vida. O home espiritual, por antonomasia, que se deixa mover e levar polo Espírito que sopra onde quere.
Foi un migrante, un itinerante, que viviu en éxodo, mesmo desde o seu nacemento, en Belén, aínda que o relato sexa simbólico.
Deixa Belén para fuxir a Exipto, coma emigrante refuxiado.
Cando dá o paso na súa vida, unha voz interior que o guiaba, unha esperanza que latía nel, continúa unha vida itinerante desde que vai onde Xoán Bautista no deserto. Convértese nun profeta itinerante, cun grupo mixto, de mulleres e homes, itinerante seguindo o profeta do novo Éxodo, o profeta do Reino de Deus.
Co profeta Xesús identificámonos, nel atopámonos, a El queremos seguilo nunha Igrexa en saída, discípula do profeta itinerante, cara a unha terra, un planeta, cara a unha comunidade, que faga deste tempo de ameazas un tempo de graza para a vida común de todos os seres humanos.