O xoves 21 de abril tivo lugar en Vigo a presentación do libro Eu son Exeria. Lectura feminista dunha viaxe no século IV, escrito pola nosa compañeira irimega Marisa Vidal Collazo e ilustrado por Sole Pite Sanjurjo. Un libro arriscado, pola dificultade que supón contar en primeira persoa a vida e a viaxe xeográfica, persoal e espiritual dunha muller da Gallaecia no s. IV. Mais un libro necesario, dos que gosta ler e contemplar.
Presentación de “Eu son Exeria” en Vigo.
Somos Igrexa
Achegármonos a Exeria, que “durmía” nun pasado remoto, e facela de novo presente grazas a este libro, lévame a me preguntar sobre pertenzas, silencios, olvidos e a nosa tendencia á apropiación. Exeria foi silenciada e non só ela, senón metade da cristiande, as mulleres, nun momento onde se estaba a fixar o canon documental da nosa Igrexa. É imposible imaxinarse unhas comunidades cristiás sen unha presenza activa nas mulleres, non só nos labores do día a día, senón tamén cos seus escritos. O que acontece é que non foron incorporados, foron silenciados ou foron atribuídos a homes. Grazas a que a fins do XIX atoparon o manuscrito onde estaba incompleta a obra da viaxe de Exeria,sabemos con certeza que existiu, e que non era unha simple lenda ou atribución literaria. A Igrexa, nun forte proceso de xerarquización e patriarcalización, excluiu todo o que se apartaba do canon aprobado. A súa forma de vivir, as súas ideas sobre o seguimento de Xesús non acabaron sendo recoñecidas coma canónicas, mais de verdade non existiron? Se unha historiadora, dentro de 1500 anos, analizase a Igrexa católica no papado de Xoán Paulo II ou de Bieito XVI a través dos documentos oficiais, non sei onde ficaría esta revista, esta Asociación Irimia e moitas outras persoas coas que compartín vida. Posiblemente, na invisibilidade máis absoluta. Atendendo a Exeria, achégome doutro xeito ao movemento “Somos Igrexa”, no que moitas participamos. Ante a obviedade do seu nome, “claro que son Igrexa, e logo que ía ser?”, percibo agora con máis claridade o seu fondo compoñente reivindicativo de todas as persoas que loitaban pola súa pertenza, para non seren silenciadas.
Revista mensual de crentes galegos
Non sei se o subtítulo da nosa revista vos parece ben acaído. Dígovos como o vexo eu: a revista dunha asociación que tenta dar resposta a unha pregunta de Xesús (e quen dicides que son eu?) e que o fan en formato papel unha vez ao mes, e todo en galego. Gústame pensar que o “Itinerario de Exeria”, en pequenas doses, de 6000 careacteres máximo, serían ben acollidos na revista e gozariamos dunha colaboradora mágnifica (e dun contido asegurado para os próximos anos). E non só isto, senón que descubro nas colaboradoras de Irimia ese punto que dá vida á Exeria do s. IV: unha curiosidade de partida e a vontade manifesta de contar as súas irmás na fe e na vida, desde a súa perspectiva, un enfoque á vida que nos tocou neste século XXI. Comentaba Marisa na presentación do seu libro que Exeria non se acorvadaba ante o poder e só recoñecía unha autoridade: a do desexo de saber. Pois iso, “Quero que saibades…”.