É urxente outro paradigma de relación coa natureza e coa Terra, que non sexa destrutivo senón amigable e en sutil sinerxía cos ritmos da natureza. Isto obrigaría a unha transformación radical do modo de produción actual, capitalista, que aínda se move en gran parte coa ilusión de que os recursos da Terra son ilimitados e que permiten, por iso, un proxecto de crecemento tamén ilimitado. O Papa Francisco na súa encíclica “Laudato Si: sobre o coidado da Casa Común” denuncia esta premisa como “mentira” (nº 106): un planeta limitado, en grao avanzado de degradación e superpoboado, non atura un proxecto ilimitado.
Na encíclica Fratelli tutti (2021) o Papa Francisco entende o aviso do Covid-16. Contrapón dous proxectos: o vixente, da modernidade, cuxo paradigma consiste en facer ao ser humano “dominus” (dono e señor) da natureza, e o novo que el propón, o de facelo “frater” (irmán e irmá), incluíndo a todos, os humanos e os demais seres da natureza. Este novo paradigma do “frater planetario” fundaría unha fraternidade sen fronteiras e un amor social. Se non facemos esta travesía, “non se salva ninguén” (nº 32).
A gran cuestión é esta: o modo de produción capitalista mundializado mostra vontade política, ten capacidade e razonabilidade suficientes para permitir este cambio radical? Ese sistema capitalista fíxose “dominus” (o “maître et possesseur”de Descartes) da Terra e de todos os seus recursos. Os seus mantras son: o maior lucro posible, conseguido por unha competencia feroz, acumulado individual ou corporativamente, mediante unha explotación devastadora dos bens e servizos naturais. Deste xeito de produción orixinouse o descontrol climático e o que é peor, unha cultura do capital, da cal dalgunha maneira todos somos reféns. Como saír dela para salvarnos?
Temos que cambiar, se non, como di Zygmunt Bauman, “imos engrosar o cortexo dos que se dirixen cara á súa propia sepultura”.
O proceso da cosmoxénese e da antropoxéne propiciaron tamén a emerxencia da fe e da esperanza. Elas son parte da realidade total. Non invalidan as advertencias citadas, pero abren outra xanela que nos asegura que “o Creador creou todo por amor porque é o apaixonado amante da vida” (Sabedoría 11,26).
O principio esperanza supera todos os límites e mantén o futuro sempre aberto.