Dúas palabras GRAZAS e SI que forman parte da linguaxe habitual no noso vivir cotián. Dicimos grazas como sinal de cortesía, pero tamén como expresión dun sentimento fondo de agradecemento. Podemos dicir si desde unha actitude de sometemento ou por obrigación, pero tamén o noso si pode ser libre e transgresor, e expresar unha verdadeira afirmación do noso ser verdadeiro. De moi diversas maneiras con estas dúas palabras podemos expresar actitudes e diferentes modos de estar na vida.

Con todo, aínda que á primeira vista poida parecer que cada unha delas ten a súa propia autonomía, son dúas palabras que, en ocasións, gardan unha forte conexión na nosa vivencia interior. Unha chama pola outra e complétanse mutuamente. Cando recibimos un regalo xorde en nós un GRAZAS que pide sempre o SI da resposta.

Cando ese regalo nos chega como expresión de verdadeiro cariño e recoñecemento, cando o que se nos regala “nos chega a alma”, o noso sentimento conmóvese e vibra fortemente a nosa emoción. Nestas situacións o agradecemento vai unido a un si que nos descobre e, ao mesmo tempo, nos afirma no mellor de nós mesmas/os.

Nunha relación amorosa, gratuíta, incondicional a palabra GRAZAS atravesa a “emoción” e comeza a ser “sentido”

Nesta experiencia o GRAZAS fúndese nun SI de dispoñibilidade: “aquí me tes”, “que queres de min”. Unha experiencia, que aínda no medio de fraxilidades e mesmo fallos ou caídas, fálanos de que no fondo do noso ser hai bondade, que estamos preñadas por desexos de ben, de verdade. Nesta vivencia as persoas crentes descubrimos a un Deus Pai/Nai Amor que nos crea, nos sostén e nos habita.

Si xa non se trata dun regalo material, senón que recibimos unha entrega gratuíta e incondicional no seo dunha relación amorosa ou dunha fonda amizade, entón a palabra GRAZAS atravesa o sentimento e a emoción para entrar no nivel do sentido. Unha experiencia que se vai xerando na mutua fusión. “Grazas a ti son o que son”, “grazas, porque ti me axudas a ser eu mesma/o”. Nesta experiencia o GRAZAS fúndese cun SI existencial á V/vida.

As persoas crentes no Deus de Xesús temos a sorte de poder vivir no horizonte dun GRAZAS e SI a Deus fundidos nunha experiencia teologal. Un GRAZAS polo Amor infinito que se nos regala e un SI pola nosa parte, sempre fráxil e flutuante. Unha experiencia acompañada aínda no medio do noso camiñar tantas veces despistado e superficial.

Un Deus que nos acolle con infinita comprensión e agradecemento pola nosa colaboración ao ben do mundo e que nos regala un si que nos confirma na esperanza. Un Deus que pola súa parte non quere nin busca outra cousa que a nosa plena felicidade. Un Deus que sempre está aí ofrecéndonos un GRAZAS e un SI misericordioso.