O 6 de abril falecía Hans Küng. Quen se interese pola teoloxía cristiá da segunda metade do s. XX e ao transcorrer da vida eclesial desde o Vaticano II, onde participou coma asesor, terá irremediablemente que se achegar á figura e á ampla obra deste teólogo. Morre con el unha parte da historia eclesial conciliar e postconciliar, mais apropiándonos das palabras de Andrés Torres Queiruga, non podemos máis que afirmar “que a súa teoloxía segue viva e pide futuro”.

É un bo momento para nos introducir nas súas obras, mais se queredes unha recumendación, podedes comezar polo volume I da súa autobiografía publicada pola Ed. Trotta. El dixo que escribía para persoas que están en proceso de busca, e tamén para quen viven a súa fe e queren dar razón dela. v

Compartimos a oración que escribiu ao final do III volume das súas memorias (Humanidad vivida ) , a cal nola fixo presente Manuel Cabada.

A nosa vida é breve, a nosa vida é longa. E cheo de asombro atópome ante unha vida que tivo os seus xiros inopinados, mais que tamén seguiu una certa liña recta; unha vida de máis de trinta e un mil días, uns fermosos e outros sombríos, cambiantes, que tantas experiencias trouxeron consigo no bo e no malo, unha vida da que hoxe podo afirmar: así estivo ben.

Recibín inmensamente máis do que fun capaz de dar, todas as miñas boas ocorrencias e polas miñas boas ideas, as miñas boas decisións e feitos fóronme regalados e posibilitados pola graza. E mesmo cando tomei decisións equivocadas e actuei mal, ti guiáchesme invisiblemente. Pido perdón en todo aquilo que errei.

Douche grazas a ti, o inaprehensible, o que todo o abarca e todo o rexe, o fundamento, sostén e sentido primixenio do noso ser ao que chamamos Deus, a ti o gran misterio inexpresable da nosa vida, a ti o infinito en todo o finito, a ti o inefable en todo o que falamos.

Douche grazas por esta vida en todo o inexplicable e raro. Douche grazas por todas as experiencias, as luminosas e as escuras. Douche grazas por todo o que saiu ben. E por todo ao que ti finalmente deches un xiro cara ao ben. Douche grazas polo que a miña vida foi unha vida lograda, non só para min mesmo, senón para aqueles que tiveron ocasión de participar nela. Só ti coñeces o plan conforme ao cal transcorre a nosa vida, con todos os seus erros e confusións. Non coñecemos de antemán o propósito que tes para nós. O teu rostro non podemos velo neste mundo, como tampouco puideron velo Moisés e os profetas. Mais así como a Moisés lle foi permitido ver por detrás desde unha fenda na rocha a Deus cando pasaba, así tamén nós podemos recoñecer retrospectivamente a túa man na nosa vida, oh Señor, e experimentar que ti nos sostés e nos guías e o que decidimos e fixemos nós mesmos foi conducido por ti sempre cara ao ben. Así, tamén o futuro póñoo con serenidade e confianza nas túas mans. Xa sexan moitos anos ou tan só unas cantas semanas máis, comprázome en cada novo día que me é regalado e a ti deixo cheo de confianza, sen preocupación nin medo, todo o que aínda me agarda. Pois do mesmo xeito que es o comezo do comezo e o centro do centro, así tamén es o final do final e a meta das metas. Douche grazas, meu Deus, pois ti es amable, e a túa bondade dura eternamente. Amén. Así sexa.

(Hans Küng: Humanidad vivida. Memorias III, Trotta 2014,  p. 704 ss.)