José A. Martinez Como cada ano temos a oportunidade de vivir a Coresma, o tempo litúrxico que singulariza 40 días do ano para vivir (animarnos) a nosa conversión. Isto da conversión xa son palabras maiores, e se a acompañamos de penintencia, de “mortificación”, fáisenos un pouco máis duro. A quen lle apetece isto?
Misericordia quero, non sacrificios
Entre os sacrificios, renuncias e mortificacións tan asociados a este período e o significado da misericordia que Xesús animaba a coñecer (Mt 9, 13) parece que hai un longo treito. Son incompatibles? Son complementarias? Que nos di a tradición? A que se animaba neste período? Oración, xexún e abstinencia, e boas obras e compartir. Se a algo teño asociado a Coresma e ao costume de xaxuar (cousa que hai moito que non fago), mais sobre todo o da abstinencia de comer carne os venres. Un comportamento que camiña entre o ético ou estético. Ten sentido na actualidade mantelos? Implica algo na nosa vida coma cristiás? A Coresma é a oportunidade de nos volver cara a un Xesús que camiña no deserto, durante 40 días. A ese camiño estamos convidados: a Coresma convértesenos na oportunidade de recuperar o significado de ser seguidoras de Xesús.
Unha Coresma para todo o mundo (incluídas as persoas veganas)
É unha broma. Mais que significaría unha Coresma para unha persoa vegana se isto se limitase a deixar de comer carne? Xa estaría de abstinencia/Coresma todo o ano!!! A abstinencia, mais sobre todo o xaxún, é un símbolo de renuncia a todo aquilo que nos impide realizar en nós o proxecto do Reino de Xesús. E isto ten unha diferente concrección en cada un de nós. O primeiro paso é en si mesmo unha penitencia: parar, detérmonos, e profundar en que é o que nos impide, de verdade, seguir a Xesús. Non é tan doado como parece. Facer estas preguntas, afrontar as repostas, poden xerar tanta dor que non somos quen de realizar, deixándonos ir nos complexos e «ineludibles» compromisos do día a día.
Ideas para recuperar a Coresma
Senta, colle un papel en branco e un boli. Pensa en todo aquilo que sintas que te aparta de Xesús (se é comer carne os venres, tamén). Fai unha listaxe. Utiliza o sentidiño, se iso é posible, ou conveniente, porque sentidiño e Xesús parecen que van por camiños diferentes. Aquí tes unhas poucas ideas:
- Fumar: nada que sexa pernicioso para o corpo é bo. Que mellor oportunidade para te probar, que maior sacrificio.
- Comida e bebida. Reduce ou suprime o alcol. Se consciente nos 40 días do que bebes. Elimina todos os alimentos ultracociñados, come máis san.
- Deixa o móbil no peto. Se conciente cando o colles. Non enchas o teu tempo revisando o what’s up ou as redes sociais. Limítaas a un momento concreto do día, nada máis.
- Apaga a radio do coche. Goza do silencio.
- Non enchas as túas noites con Netflix ou coa tele. Proponte actividades alternativas para estes 40 días.
- Le a Biblia (en galego, se é posible). 40 días seguidos, comeza con 10 minutos, ou 5, mais fainos todos os días.
- E REZA. Sen que te vexan, en silencio, no teu cuarto, redescobre o sentido do silencio e vive a Coresma.
- Aquí pon as túas: …
Son ideas, non é preciso facer todas. Elixe unha, dúas, mais fainas. Escribe o teu compromiso, e revísao. Ao final da semana, no domingo, senta e compraba o que fixeches. Prepara a semana seguinte de Coresma. Déixao por escrito. Redescobre a Coresma.