Corría o ano 2003 e, como estudante universitario, fun a unha mesa redonda sobre algún tema de compromiso social da Igrexa. Fóra, unha mesa con libros fotocopiados enriba e un cartaz que indicaba algo así como que “o cristianismo é de esquerdas”. Mentres agardaba na porta, pasaron por alí tres persoas e escoitei como unha preguntaba: “E estes quen son?”, ao que outro respondía, moi decidido: “Deben ser dos de Paco Vázquez”.
Hai menos dun mes, alguén moi próximo fixo o tramo final do Camiño de Santiago e comentoume que coincidiu con “grupos de igrexa”, como de “Irmandades”, e que era xente nova, mais ben rara, cunha estética de pulseiriñas coa bandeira, dos que berran “Viva España” cando baixan pola rúa de San Pedro e chegan ao Obradoiro.
Maxisterio e política
Non é novo, mais está instalado no imaxinario colectivo o posicionamento claro da Igrexa, da súa xerarquía, nos eidos máis conservadores e de dereitas do espectro político. Nin sequera a figura de Francisco foi quen de modificar esta visión. En 2019, o Papa defendía “unha nova presenza de católicos na política de América Latina”, cunha clara mensaxe de facer política partindo do Evanxeo e superando as ideoloxías. Facer política debía ser “unha vocación de servizo”, centrándose en mulleres, xente nova e os máis pobres, quen se deberían “ver como suxeitos de transformación e non como meros obxectos de asistencia”.
o Partido Republicano dos EE.UU. intensificou os seus ataques ás iniciativas sociais promovidas polas institucións
En novembro de 2002, a dupla Joseph Ratzinger e Xoán Paulo II aprobaba unha nota doutrinal “sobre algunhas cuestións relativas á participación e comportamento dos católicos na vida política”. Como era habitual, sentaban cátedra sobre un tema con moitas vertentes e posturas encontradas. Como era propio deles, das 31 notas a pé de páxina do documento, 0, si, 0, citaban non só ao Novo Testamento, senón á Biblia en xeral, e 10 ao propio Xoán Paulo II e ás súas encíclicas (porque para que falar de Xesús se temos a un Papa). A conclusión: que os cristiáns participasen activamente en política, sen afastarse da verdade. 2000 anos antes preguntaba Poncio Pilatos a Xesús “que é a verdade?” e este respondía cun silencio cando ben podía responder como “o maxisterio papal”.
Eleccións nos EE.UU.
O posicionamento das diferentes igrexas xoga un papel fundamental nas eleccións e no voto nos Estados Unidos. Uns comicios distantes, mais dos que se agarda unha influencia mundial. Así como en América Latina a influencia da Igrexa Católica na orientación do voto foi reducida ao mínimo, isto non aconteceu no veciño do norte. Así como esmoreceron o nacemento de liderados políticos baseados no humanismo cristián e na loita pola xustiza (grazas á acción da xa mencionada dupla Ratzinger – Xoán Paulo II), este papel asumírono as igrexas protestantes, en especial as máis ultraconservadoras pentecostais e neopentecostais, que nestes anos tanto apoian a Trump e as súas políticas. E hai un nexo en común, xa que é a cuestión do aborto o que xustifica este apoio aos republicanos fronte á candidata demócrata, e este tamén era o punto central da nota vaticana do 2003, a que decantaba a verdade da doutrina.
Hai esperanza
Aínda que poida resultar raro, o Partido Republicano dos EE.UU. intensificou os seus ataques ás iniciativas sociais promovidas polas institucións e organismos vinculados á igrexa católica norteamericana. Os programas en apoio ás persoas migrantes, as iniciativas para facilitar o asilo, as iniciativas ambientais, son accións que a dereita extrema representada por Trump rexeita. É na loita pola xustiza social e polos dereitos das persoas onde a política cobra sentido.