Clases de biblia gratis

Este sábado pola mañá, no medio dunha das beirarrúas da miña vila, atopeime cun cartaz que indicaba: “Clases de biblia gratis”. Detrás do expositor portátil atopábase unha parella, vestidos dun xeito que chamaban a atención de calquera viandante (igual que o farían unha monxa de clausura ou un sacerdote con sotana): el de traxe e garabata, ela de saia plisada. Foi o único contacto que tiven coa relixión ao longo dese día. Nada suxestivo! E non pola oferta educativa, xa que isto da biblia me interesa e eu son moito de me apuntar a canto curso gratuíto online me promete converterme en experto nunha nova materia. Con todo, non che é para min este mundo das “testemuñas”, nin a súa mensaxe, nin o seu estilo nin a súa teima por difundir as súas revistas (aínda que o formato e a periodicidade me lembre moito a nosa Irimia).

Outubro: invitadas á festa

Segunda revista deste curso escolar e xa estamos metidas en plena voráxine: responsabilidades laborais e familiares, compromisos ineludibles, etc. Dependendo de como sexamos de organizadas, precisamos dun calendario ou dunha listaxe de tarefas para irmos anotando todo o que debemos facer e cando debe estar feito. Non nos dá a vida! E a isto cómpre sumarlle as preocupacións e os afáns do día a día, que si, nos ocupan tempo e especialmente espazo nas nosas cabeciñas.

Seguindo a Mateo, nestes cinco domingos de outubro se nos invita a seguir a Xesús. Parece que fica claro que esta invitación é para todas as persoas as persoas sen distincións, desde o maltratador, o racista, as persoas que só saben utilizar a violencia, até as persoas que dan a súa vida polos demais. Todas iguais, todas invitadas. Se ti, mais eu, todas, xa estamos invitadas, o que se afonda nas pasaxes destes domingos e sobre o que nos invita a pensar, a través de parábolas e alegorías, é que resposta que cada un de nós imos facer a esta invitación.

Son os froitos, é o calendario

Xesús insiste no importante, os froitos. Mais nunha cultura, como a nosa,que se afasta do rural, falar de froitos ás veces fica tan raro coma a vestimenta das testemuñas (sacerdotes e monxas incluídas). Pensa, longo, en prioridades. Ao final, que é o importante? Formar parte da Igrexa? Da nosa comunidade? De Irimia? De calquera movemento ou asociación que avogue por unha Igrexa máis igualitaria, por propostas ecuménicas, unha vida máis espiritual? A prioridade é formar parte de…? O domingo 29 de outubro vaise ler o resumo de toda a Biblia, posto en boca de Xesús: “Amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu ser (…) ou teu próximo como a ti mesmo”. E como sabemos que o estamos a facer? Pois mira os teus froitos. E nun momento onde o meu calendario reborda de compromisos, de tarefas a facer, non estaría ben revisar se estas están aliñadas coas miñas prioridades e estas co que nos contan os evanxeos neste mes? E que pasa se non? Pois cada un darlle unha volta. Ou mesmo, apuntarme a un curso de biblia gratis.