Muniqués nado no 27, ordenado coma sacerdote no 1951, consagrado bispo e cardeal 26 anos despois, Prefecto para a Congregación da Fe durante 23 anos e Papa desde o 2005, Joseph Aloisius Ratzinger morría este 28 de decembro despois de pasar os seus últimos oito anos coma Papa emérito, tras a súa renuncia en 2013.

Obituarios

Moito se escribiu sobre a vida e obra de Ratzinger a raíz da súa morte. Sorprendéronme gratamente os artigos de Leonardo Boff, Pikaza ou Queiruga, entre outros, polo enfoque da súa análise, centrándose na tarefa teolóxica ou institucional do finado e non tanto sobre a súa persoa. Análises contidas e ben explicadas que foxen dos posicionamentos extremos que adoitamos ver: un Ratzinger santo ou demo, segundo as ideas de quen comente.

É difícil separar á persoa das funcións que desempeñou na súa vida. Do home pouco sabemos, e para o segundo se agradecen reflexións serias e ben fundamentadas. Non deixei en pensar no que di a Biblia sobre o xuízo, en especial en Mt 7, 1.

O paradoxo é que, como Prefecto para a Congregación da Fe, Ratzinger si que xulgou. Decidiu que aspecto, idea, pensamento era católico ou non, así como que e quen podía ensinar e como. Mesmo sentenciou sobre o papel que teñen as outras igrexas cristiás dentro do plan salvífico de Deus. Non só expuxo nas súas obras as ideas que tiña sobre a fe, a Igrexa ou Xesús, senón que actuou contra quen defenderon posturas opostas. Determinou quen non había sitio para a teoloxía da liberación, nin para a teoloxía feminista, nin para quen non concordaba cos seus posicionamentos en moral, ou para quen se introduciron na teoloxía do pluralismo relixioso. Nas tarefas agrícolas do reino non tivo moita paciencia, e a súa sega non agardou para separar xoio, trigo e mesmo millo americano.

Perdón

Impresionoume o artigo que escribiu Thomas J. Reese tras a súa morte. Este xesuíta foi director durante sete anos da revista mensual America, editada polos xesuítas de EE.UU. Desde este medio contribuíu ao debate dentro da Igrexa estadounidense, dando cabida a temas como a homosexualidade, o celibato dos cregos, o aborto ou o control da natalidade. Aínda que oficialmente nunca se recoñeceu, a renuncia de cargo de director no 2005 debeuse ás presións do Vaticano sobre os xesuítas, cunha Congregación para a Doutrina da fe (Ratzinger) que xa lle impuxera un comité de censores para controlar o seu traballo.

No seu artigo parte Reese perdoa a Ratzinger. Non o xulga, perdóao. E conta polo que el tivo que pasar debido á acción deste cardeal. Que grande oportunidade, para todos nós, persoas, asociacións, grupos eclesiais ou movementos e parroquias, para saírmos e contar a nosa historia que vivimos no período de mandato de Ratzinger, desde como Prefecto para a Doutrina da Fe ou coo Papa. En primeira persoa, desde o desapego de leigas e leigos, os medos e as autocensuras (ou censuras) a relixiosas e relixiosos, a asociacións coma Irimia ou a revistas coma Encrucillada, por non ir alén da nosa terra. Daría para un bo libro de relatos!!

© Fotografía/Imaxe_ Foto de dominio público, de Enzo Abramo – https://www.publicdomainpictures.net/es/view-image.php?image=264702&picture=basilica-de-san-pedro