Abril tróuxonos a nova do facelemento de Manolo Sordo. Leonés de nacemento, asturiano de sentimento, dominico, irimego… Manolo veu a Vigo hai máis de 50 anos a fundar unha nova casa e a facerse cargo dunha parroquia (o Cristo da Victoria) nun barrio en nacemento (Coia). Pero fixo máis ca iso: construíu, dende os seus cementos, unha comunidade cristiá. A vida foino levando, despois, por distintos sitios, pero acabou volvendo a Vigo no 2002. A continuación reproducimos un dos textos que a comunidade lle dicou no seu funeral. Manolo foi, e é, BOA NOVA.
Manolo era, é, por encima de todo, tenrura… Un corazón que se daba a mans cheas a cada amiga, a cada irmán…
Manolo era, é, tenrura e regalo; regalo inmenso de tenrura a cada paso; mirada limpa; mans tendidas; amor sempre disposto a derramarse…
Manolo vivía con sinxela radicalidade, ao estilo de Xesús, o seu compromiso coa Vida, en maiúsculas, e encarnaba coma ninguén o amor fraterno… Valente para o esencial, expoñíase, dábase por enteiro, aínda a costa de desvelarse vulnerable, quizás porque intuía que só dende a nosa fraxilidade máis íntima podemos construír unha verdadeira comunidade.
Manolo sabía facer, con absoluta sinxeleza, as cousas máis importantes
Manolo sabía facer, con absoluta sinxeleza, as cousas máis importantes: facía aflorar como se nada o máis valioso de cada persoa e camiñaba ao noso lado arroupando os nosos medos e inseguridades, celebrando cada pequena alegría ou sinxelamente compartindo un silencio fecundo de sentido…
Manolo priorizaba o escoiar sobre o predicar, o axudar e acompañar sobre o liderar, o coidar e acoller sobre o adoutrinar. Na súa humildade honesta e exemplar esquivaba calquera protagonismo, asumía coma poucos o servizo e a busca do último lugar, e facíao case sen querer, coa natural espontaneidade dun neno, rompendo así calquera xerarquía ou prexuízo.
Durante moitos anos, Manolo foi o acompañante incansable das mulleres, dos máis pequenos, das persoas maiores e enfermas…, dándonos exemplo de como construír o Reino aquí e agora, no cotiá, no diario vivir, no barrio.
En Asturias, en Vallecas, en Guatemala e, sobre todo, aquí, en Coia, Manolo deuse sen límite e foi enchendo tamén as súas mans e o seu corazón do amor sincero e agradecido dos que tivemos a sorte de coñecelo, acompañalo e amalo. E agora, cando celebrabamos xunto a el cincuenta anos de camiño, Manolo fóisenos reunirse con Deus Pai e Nai, no que tanto confiaba, co corazón do ceo e da terra, do que tantas veces nos falaba…
Botámoste tanto de menos xa, Manolo, amigo, irmán… Pero sentímonos agradecidas, agradecidos polo inmenso regalo de ter compartido a vida contigo… Sentimos, sentiremos sempre ao noso lado o cálido alento da túa voz, o eco das túas palabras amigables, o exemplo da túa espiritualidade comprometida, o sorriso amable, o abrazo acolledor, a paz que nos deches e nos deixaches…
Hoxe quizás nos dirías, coma tantas veces, “Prestoume moito!”; dirías “Quérote!”; dirías “Grazas!”. Así que hoxe, no medio desta profunda dor, felices de ter compartido a túa vida, dicimos tamén, cunha soa voz: “Prestounos moito, Manolo. Querémoste. Grazas!”. Grazas por tanto, por todo, por sempre… Aquí estás e aquí estarás… sementando de tenrura e amor as nosas vidas…